Concepción Pérez Iglesias, coñecida como Dona Concha, é historia de Galicia. Non só foi a primeira muller que chegou a ser alcaldesa de Portas. Foino de toda a comunidade.
De aí que o que foi o seu concello quixera renderlle unha sentida homenaxe. E o mellor modo para facelo foi darlle o seu nome á antiga casa consistorial, reconvertida en centro veciñal.
E así foi tras a rehabilitación do inmoble, na que o goberno municipal investiu máis de 230.000 euros, cartos procedentes dos programas PON2030 e +Provincia da Deputación de Pontevedra.
“A Deputación e o Concello estamos a resituar a figura de Dona Concha para poñela no lugar onde merece, mestra querida e figura pioneira na política e na igualdade”, destacou o presidente provincial, Luis López, durante a inauguración da renovada casa consistorial.
Tanto para López como para o actual alcalde, Ricardo Martínez, esta actuación permite darlle unha “nova vida” a este edificio, que é un exemplo do “potencial da rehabilitación”.

A intervención centrouse na rehabilitación deste antigo inmoble para convertelo nun edificio eficiente no ámbito enerxético, cunha nova cuberta, novas portas e ventás e con calefacción e ventilación para afrontar as temperaturas baixas ou as altas.
Esta actuación, que xa está finalizada, serve para entregar á veciñanza un novo edificio público de calidade, moderno e adaptado aos novos tempos.
“É moi gratificante para un servidor público ver como os proxectos pasan do papel ao terreo”, destacou o titular da Deputación, que celebrou que as obras se fixeran “en tempo e forma”.
Á inauguración asistiron ademais ducias de veciños que non quixeron perder a oportunidade de celebrar a figura da histórica alcaldesa.