Joseph deixa un rescate en Portas e numerosas incidencias en Pontevedra

Pontevedra
27 de xaneiro 2026
Actualizado: 12:01

A borrasca causou inundacións, caída de árbores, desprazamento de colectores e desprendementos de terra. Algúns veciños permanecen illados

Rescate en Portas
Rescate en Portas / Guardia Civil

Un condutor novo tivo que ser rescatado este luns pola tarde no municipio de Portas despois de quedar atrapado co seu vehículo nunha pista próxima ao albergue de Briallos, completamente alagada pola auga.

O incidente produciuse pasadas as 19:00 horas, cando xa caera a noite, o que dificultou apreciar tanto o trazado do camiño como o nivel de auga acumulada.

Foi o propio condutor quen alertou aos servizos de emerxencias ao comprobar que o seu coche quedara bloqueado e resultáballe imposible continuar ou retroceder. Até o lugar desprazáronse efectivos de Protección Civil de Portas e Cuntis, así como a Garda Civil, que lograron auxiliar ao mozo sen que se rexistrasen danos persoais.

O suceso enmárcase dentro das múltiples incidencias provocadas pola borrasca Joseph, que está a deixar importantes efectos na provincia de Pontevedra.

Incidencias en Pontevedra

O Concello de Pontevedra informou de intervencións por sumidoiros desprazados ou obstruidos en rúas como Luís Braille, Salgueiral, Javier Puig e Os Fontás, na parroquia de Xeve.

Ademais, rexistráronse inundacións en distintos puntos do municipio, entre eles a rúa do Santo, o río Gándara á altura do peche do Camiño de Santiago, o baixo dunha vivenda na Bouza (Mourente), a avenida Avelino Montero, en Praceres, así como nas rúas Ramón Otero Pedrayo e Pai Fernando Olmedo. Tamén se viu afectado outro baixo dunha vivenda en Praceres.

O temporal provocou igualmente o desprazamento de colectores en San Amaro, desprendementos de terra en Campañó, Fontáns (Xeve) e Freixeiro (Mourente), e a caída de árbores e ramas en zonas como Carramal (Salcedo), Gafos, a avenida de Vigo e o polígono do Campiño. Os servizos municipais retiraron obstáculos da calzada en vías como a avenida da Coruña, Pastor Díaz e Joaquín Costa.

Desde o Concello de Pontevedra informouse da reapertura de instalacións deportivas e de rúas e estradas que foran pechadas de maneira preventiva, aínda que continúan clausurados os accesos a ríos e sendas fluviais por motivos de seguridade.

Mentres tanto, os veciños da rúa do Santo, en Lourizán, denuncian que este martes, ás dez da mañá, o nivel da auga aínda non descendera por completo, o que lles mantén practicamente illados desde fai preto de 24 horas. Alertan ademais do risco que supoñen os lodos contaminados por augas residuais e aseguran solicitar análises ao Seprona. A preocupación aumenta ante a previsión dunha nova borrasca inminente. Un dos veciños, explican, non puido acudir a unha proba médica importante debido á situación, un feito polo que anuncian que esixirán responsabilidades.

Árbol caído en el paseo del Gafos
Árbore caída no paseo do Gafos Esmeralda Outes

Incidencias en Vilagarcía

A Policía Local de Vilagarcía de Arousa tivo que intervir en múltiples incidencias ao longo do servizo de tarde e durante a noite como consecuencia do forte vento, que ocasionou caídas de árbores, desprendementos de materiais e diversos danos na vía pública e en vehículos.

Unha das actuacións máis destacadas tivo lugar na rúa Pazo, que foi cortada ao tráfico tras a caída dunha árbore. A vía permanece pechada e sinalizada de forma provisional debido á presenza de cables na calzada. A retirada da árbore e do tendido afectado queda á espera de que a empresa subministradora emende a incidencia para que posteriormente poida intervir o Servizo Municipal de Emerxencias.

Así mesmo, na rúa Castelao foi necesario sinalizar a zona ante o risco de caída de ferros de fibrocemento, pospóndose a intervención ata que amainen os refachos de vento e se poida actuar con seguridade.

Outra incidencia rexistrouse na zona dos Carballos, onde varios cables caídos invadían a vía pública, o que motivou a intervención conxunta da Policía Local e os servizos de emerxencias. Ademais, recibíronse numerosas chamadas alertando de colectores desprazados polo vento que obstaculizaban a circulación.

Durante a tarde tamén se atenderon varios avisos relacionados con danos en vehículos. Na rúa Pedreira, un turismo presentaba danos na cuberta debido a deficiencias na vía, mentres que na glorieta de Valle-Inclán outro vehículo sufriu danos nun pneumático. A última hora, sobre as 22:21 horas, unha rama caeu na praza de España causando danos a un turismo estacionado e provocando un accidente na rúa Valle-Inclán, que se saldou sen feridos.

Sobre as 23:00 horas, caeu parte dunha fachada na Rúa Blanco Amor sobre un vehículo en circulación, provocando danos materiais. Media hora máis tarde, un piñeiro caeu de forma transversal na Rúa de Castrogudín, bloqueando ambos carrís. A mesma situación repetíuse na estrada PO-305, á saída cara a Caldas de Reis. Xa ás 02:30 horas, unha árbore do catálogo municipal caeu na Avenida Matosinhos, xunto ao estadio A Lomba, danando levemente dous vehículos estacionados.

Estada caída na rúa Matosinhos
Estada caída na rúa Matosinhos   Policía Local de Vilagarcía

Incidencias en Sanxenxo

O temporal Joseph tamén deixou a súa pegada en Sanxenxo, provocando a caída de árbores, contedores e sinais de tráfico que dificultan a mobilidade en distintos puntos do municipio.

A incidencia máis destacada produciuse no tellado do cuartel da Garda Civil, onde voou unha parte da cuberta. Entre onte e esta mañá, os equipos de Emerxencias traballaron para asegurar a estrutura e evitar riscos aos viandantes e vehículos.

Intervención en Sanxenxo por el temporal
Intervención en Sanxenxo polo temporal   Concello de Sanxenxo

Incidencias en Caldas de Reis

O temporal Joseph deixou numerosas incidencias en Caldas de Reis, o que obrigou ao Concello a activar durante a madrugada un operativo especial de seguridade integrado pola Policía Local, operarios municipais e voluntarios de Protección Civil, baixo a supervisión do alcalde, Jacobo Pérez.

As zonas máis afectadas foron as inmediacións dos ríos Umia e Bermaña. A choiva provocou o asolagamento da explanada da Tafona, afectando a algún vehículo que ficou alí estacionado durante todo a noite, a pesares das advertencias lanzadas desde aadministración local para efectuar a retirada dos automóbiles antes da chegada das fortes precipitacións. Ademais, foi necesario empregar bombas de achique na Praza do Camiño. As fortes choivas provocaron, asemade, desperfectos nos baixos de tres vivendas situadas nas inmediacións no Fogar do Maior, no núcleo caldense, así como nas dependencias do Centro Comarcal. Outra incidencia se rexistrou no aparcadoiro dun supermercado situado na Rúa Xoán Fuentes Echeverría, que acumulou un importante nivel de auga no seu interior. 

O 112 Galicia supera as 800 incidencias

Desde o luns, o 112 contabilizou máis de 800 incidencias, principalmente provocadas por vento, chuvia e desprendementos, pero, por sorte, sen causar danos graves ás persoas.

As estradas foron un dos puntos máis críticos. Nas últimas horas rexistráronse numerosos accidentes de tráfico debido a árbores caídas, obxectos desprazados, desprendementos de terra e fochancas nos pavimentos. En total, houbo 4 rescates cos bombeiros, 51 sinistros con feridos e 79 sen feridos.

Tamén se reportaron numerosas incidencias nas vivendas e infraestruturas: caída de árbores (233), inundacións en rúas e estradas (89), caída de postes e sinais (72), desprendementos de terra e pedras (47), anegamentos en garaxes e baixos (38), derrubamentos (14) e fochancas (10). Entre os episodios máis destacados están a caída de árbores sobre vehículos en Ponteareas e Castro de Rei, o desbordamento do río Umia en Caldas de Reis e a levantada de tellados en Salvaterra de Miño e Sanxenxo.

Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada (384 incidencias), seguida de A Coruña (268), Lugo (95) e Ourense (64).