O Concello de Vilagarcía de Arousa presentou a programación do Entroido 2025, que se desenvolverá dende o sábado 1 ata o 9 de marzo cunha ampla variedade de actividades para todos os públicos.
A programación busca recuperar o espírito festivo e participativo desta tradición, ofrecendo desde bailes e desfiles ata obradoiros e festivais de comparsas.
A apertura dos festexos terá lugar o sábado 1 de marzo coa animación de rúa da comparsa "Marajota e Media", procedente de Vilaxoán, seguida dun baile infantil no Gato Negro do Carril.
O luns 3 de marzo, a diversión continuará cun baile infantil na Praza da Peixería, animado pola Duendeneta, unha das figuras máis queridas polos máis pequenos.
O martes 4 de marzo será un dos días máis destacados. Pola mañá, a asociación Zona Aberta organizará unha filloada na Praza de Galicia, mentres que pola tarde terá lugar o tradicional Desfile de Entroido polas rúas da cidade.
Aquelas persoas que desexen participar no desfile deben formalizar a súa inscrición ata o 28 de febreiro na Concellería de Cultura, a través da sede electrónica (sede.vilagarcia.gal) ou na web municipal (vilagarcia.gal).
Os premios oscilarán entre os 50 e os 1.300 euros, distribuídos en categorías como infantil, adulto, comparsas e "choqueir@".
O mércores 5 de marzo, a Biblioteca Pública Rosalía de Castro acollerá un obradoiro de elaboración de máscaras, unha actividade destinada a público familiar para que nenos e adultos poñan a proba a súa creatividade.
O venres 7 de marzo, o Gato Negro do Carril organizará un obradoiro de orellas e filloas, mentres que o Centro Sociocultural de Vilaxoán será o escenario dun Festival de Comparsas.
O sábado 8 de marzo, Vilaxoán celebrará o Tradicional Enterro da Sardiña, un acto cargado de simbolismo e humor, seguido dun Baile de Piñata no Gato Negro do Carril.
Finalmente, o domingo 9 de marzo, Carril pechará os festexos co seu propio Enterro da Sardiña, outra cita tradicional para rematar estes días de troula.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.