Nove furanchos de Marín cumpren con toda a normativa municipal

Marín
05 de maio 2017

Ata nove furanchos de Marín cumpren con todos os requisitos para poder abrir as súas portas. Así o destacou o goberno municipal, que recorda que son os únicos que contan cun cartel identificativo que acreditan que están legalmente establecidos

Identificativos dos furanchos de Marín
Identificativos dos furanchos de Marín

Ata nove furanchos de Marín cumpren con todos os requisitos para poder abrir as súas portas. Así o destacou o goberno municipal, que recorda que son os únicos que contan cun cartel identificativo que acreditan que están legalmente establecidos.

A actividade de todos eles, recordan desde o Concello, está regulada por unha ordenanza do ano 2013 que, entre outros requisitos, lles compromete a que todo o viño que se sirva no furancho debe ter a súa orixe en viñas emprazadas no termo municipal de Marín e a súa comarca.

O viño subministrado non pode ser viño embotellado, senón que debe proceder directamente dos barrís debidamente numerados. Ademais, a degustación do viño poderá ser acompaña de catro tipos de tapas, orella-chourizo, tortilla, zorza-raxo, empanada, e unha máis a elixir entre callos ou costela. 

A mesma ordenanza tamén é de aplicación os tradicionais "loureiros", nos que a única diferencia radica en que os produtos alimentarios son levados pola clientela. 

A tempada de actividade furancheira en Marín comezou o 1 de febreiro e rematará o 30 de xuño. Excepcionalmente, pode modificarse este período de apertura pero nunca máis aló do 31 de xullo. 

Nos próximos días, a Policía Local fará una revisión para detectar furanchos con actividade sen legalizar.