Nove sancións en Vilagarcía por viaxar en grupo en coche a facer a compra

O Salnés
24 de marzo 2020

A Policía Local endurece a vixilancia e o Concello informará a través de megafonía e das redes sociais das restricións que a poboación está obrigada a cumprir

Control da Policía Local de Poio durante o Estado de Alarma decretado pola pandemia do coronavirus
Control da Policía Local de Poio durante o Estado de Alarma decretado pola pandemia do coronavirus / Concello de Poio

A Policía Local de Vilagarcía, despois de levar a cabo unha campaña informativa sobre as medidas para aplicar para frear a pandemia, intensifica os seus controis sobre a poboación e nunha soa xornada, nun control de estrada, cursaron nove sanciones por viaxar máis dunha persoa nun mesmo vehículo sen causa xustificada.

Estas incidencias producíronse o pasado luns, 23 de marzo, cando os axentes deron o alto a aqueles vehículos nos que circulaban polo menos dúas persoas. Todos alegaron que ían facer a compra, tarefa que perfectamente pode realizar unha persoa soa, polo que os policías procederon a impoñer a respectiva sanción. Agora será a Subdelegación do Goberno o organismo que ditaminará a contía das mesmas.

As únicas razóns pola que está permitido abandonar o domicilio pasan por acudir ao lugar de traballo, a comprar produtos básicos, acudir ao médico en caso de necesidade ou a asistir a persoas dependentes e en todos os casos deben realizarse os desprazamentos en solitario. Tamén se pode sacar ao can á rúa para que faga as súas necesidades e durante o menor tempo posible.

Informa o Concello vilagarcián que o endurecemento da vixilancia virá acompañado dunha campaña de información máis concreta a través de novas mensaxes que se difundirán á poboación a través do sistema de megafonía que ten incorporado o servizo municipal de emerxencias así como polas redes sociais municipais.