Nove servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foron elixidos finalistas aos premios "Best in Class 2016", que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica, xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos.
Os premios Best in Class (BIC) teñen como obxectivo recoñecer publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de todo o ámbito nacional, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.
Nas súas respectivas categorías, en total foron nove os servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra os que resultaron elixidos finalistas: a sección de Reumatoloxía, o servizo de Farmacia, Anestesia, Dermatoloxía, Dixestivo, como servizo e pola súa atención á Hepatite C; Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia, a unidade de Nutrición, a sección de procesos infecciosos do servizo de Medicina Interna e Atención ao Paciente.
A concesión destes premios está baseada fundamentalmente na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cubertos polos hospitais e centros de atención primaria.
Gañadores e finalistas formarán parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que a organización dos premios BIC edita anualmente. O acto oficial da entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 10 de novembro en Madrid.