Novo atraso de seis meses nas obras de ampliación do polígono do Vao

Pontevedra
02 de xaneiro 2023

A Xunta de Goberno local concedeu este luns, na primeira reunión do ano, unha prórroga de seis meses máis para o inicio definitivo do proxecto de urbanización. Para pedila, a empresa alegou motivos xa coñecidos no Concello de Pontevedra porque afectan a outras obras pendentes, a crise de subministracións e o encarecemento dos prezos

Terreos nos que se proxecta un polígono comercial no Vao
Terreos nos que se proxecta un polígono comercial no Vao / PontevedraViva

A ampliación do polígono do Vao volve experimentar un atraso. A empresa promotora, Ponteno, acaba de solicitar ao Concello de Pontevedra unha nova prórroga. En abril de 2022 xa pedira prorrogar a autorización comercial e agora pediu outra máis para iniciar o proxecto de urbanización. 

A Xunta de Goberno local concedeu este luns, na primeira reunión do ano, unha prórroga de seis meses máis para o inicio definitivo do proxecto de urbanización. Para pedila, a empresa alegou motivos xa coñecidos no Concello de Pontevedra porque afectan a outras obras pendentes, a crise de subministracións e o encarecemento dos prezos. 

"Non é algo novo e todos somos conscientes das dificultades que está a haber neste eido", explicou a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías.

Segundo a información facilitada por Gulías, a acta de replanteo xa está firmada e o inicio das obras de ampliación "era case inminente", pero agora terá que seguir esperando.

Este polígono está situado na estrada de Vilagarcía á man dereita da condución e prevese que se instalen alí as empresas Norauto, Eroski, Leroy Merlin, Kiwoko, Jysk e Decathlon.

PLANTACIÓN NA PERALBA 

A Xunta de Goberno tamén concedeu este luns unha prórroga do prazo de finalización para a execución de obras de recuperación do potencial forestal de terreo situado no lugar da Peralba, na parroquia de Marcón, nos terreos do antigo ciclocross.

A comunidade de montes de Marcón solicitou tres meses máis para rematar esta actuación.