Novo atraso no inicio da campaña de control de velocidade na zona 30

Pontevedra
10 de outubro 2015

A Policía Local de Pontevedra tiña planeado comezar este sábado coa campaña de control de velocidade na cidade, pero a Dirección Xeral de Tráfico non fixo entrega aínda do pertinente radar móbil  

Radar da Garda Civil
Radar da Garda Civil / DGT

Con case dúas semanas de atraso sobre o previsto inicialmente, a Policía Local de Pontevedra tiña previsto iniciar este sábado a campaña de control de velocidade nas vías urbanas, especialmente na zona 30 da cidade, pero tivo que pospoñela por segunda vez.

O motivo é que a Dirección Xeral de Tráfico non fixo entrega aínda do radar móbil, que nos últimos días estivo inutilizado por problemas técnicos do vehículo.

Pese a todo o novo atraso podería ser só cuestión de poucos días.

A campaña de control de velocidade centrarase zonas "sensibles" da cidade, segundo explicou no seu momento o intendente xefe, Daniel Macenlle.

Moitas desas zonas teñen habilitado o límite de 30 km/h. 

Os controis realizaranse durante dez días de xeito aleatorio en lugares como a avenida de Compostela, os accesos a Monte Porreiro, as Corbaceiras, Rosalía de Castro ou a subida a Montecelo, zonas nas que se detectou unha "relaxación" no cumprimento da normativa de zona 30.

A intención da campaña é concienciar aos condutores sobre a necesidade de respectar os límites de velocidade no casco urbano para mellorar a convivencia con peóns, ciclistas e motoristas, ademais da súa seguridade.