O radar móbil da DGT xa controla a velocidade dos condutores pontevedreses

Pontevedra
14 de outubro 2015

Con dúas semanas de atraso, este martes deu comezo a campaña de control de velocidade que os axentes municipais comezaron a desenvolver nas principais vías do centro urbano. Ningún condutor foi denunciado nesta primeira xornada na que o radar móbil, cedido pola Dirección Xeral de Tráfico á Policía Local, estivo presente nas rúas da cidade de Pontevedra

Radar móbil cedido pola DGT á Policía Local de Pontevedra
Radar móbil cedido pola DGT á Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

Ningún condutor foi denunciado na primeira xornada na que o radar móbil, cedido pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) á Policía Local, estivo presente nas rúas da cidade de Pontevedra.

Con dúas semanas de atraso, este martes deu comezo a campaña de control de velocidade que os axentes municipais comezaron a desenvolver nas principais vías do centro urbano.

Tras resolver unha serie de problemas técnicos no vehículo, o radar comezou a controlar a velocidade dos condutores nalgunhas zonas considerables sensibles para o tráfico.

No seu primeiro día, situouse en dous ámbitos diferentes da cidade, un deles na rúa Ramón Otero Pedrayo, á altura do albergue de peregrinos.

A partir de agora, e durante os próximos dez días, de maneira aleatoria e sen previo aviso realizaranse controis en lugares como a avenida de Compostela, os accesos a Monte Porreiro, as Corbaceiras, Rosalía de Castro ou a subida a Montecelo, zonas nas que se detectou una certa relaxación no cumprimento da normativa de zona 30, vixente en todo o centro urbano.

A intención da campaña é concienciar aos condutores sobre a necesidade de respectar os límites de velocidade na cidade, para mellorar a convivencia con peóns, ciclistas e motoristas e avanzar en materia de seguridade viaria.