A empresa Urbaser resultou adxudicataria do novo contrato de recollida de residuos sólidos urbanos de Vilaboa por un importe total de 2.468.950 euros para un período de cinco anos.
Esta cantidade supón unha baixa con relación á cantidade de licitación inicial, fixada en 2.733.410 euros.
A adxudicación foi ao último pleno da Corporación de Vilaboa e aprobouse cos votos favorables do goberno local e a abstención do BNG. O PP votou en contra.
Días antes, o PP alertara da "desborbitada" suba de custos do novo contrato, que fixaba nun 140%, ata chegar a 3 millóns en cinco anos.
O partido liderado por Alberto Acuña tamén augurou "un forte incremento da taxa aos veciños" e criticou o curto prazo do contrato, de só cinco anos, que asegura que non permite amortizar o investimento.
Unha vez adxudicado o contrato, o goberno local socialista critica que o PP insiste na súa "escandalosa e irresponsable campaña de desinformación, nunha demostración de miseria política sen precedentes".
Ademais, puntualiza que a mellora no servizo de recollida "non terá repercusión algunha nas taxas que abona a veciñanza".
O goberno local sinala que o novo contrato conleva unha actualización do prezo con relación ao anterior, asinado hai 18 anos, e a ampliación dos servizos que prestará a empresa.
Con este novo contrato, haberá unha aposta pola reciclaxe e a compostaxe no municipio e implica o incremento da frecuencia da retirada dos residuos, a renovación dos contenedores e o compromiso de limpeza periódica dos mesmos.
O goberno local conclúe que houbo un "exercicio de manipulación esperpéntica" do PP e acusa o seu portavoz de "obstruir o avance de Vilaboa cunha estratexia sibilina de mentiras e confusión intencionada".