A empresa Urbaser, unha das principais referentes da xestión da limpeza dos espacios públicos en España, será "con toda probabilidade" a nova concesionaria do servizo en Vilagarcía de Arousa para os vindeiros 8 anos.
O Concello tomou esta decisión despois de varios meses analizando as seis ofertas presentadas, considerando a de Urbaser "a mellor proposta, por riba da segunda clasificada, Cespa, ata agora concesionaria do servizo".
Con todo, engaden que deberá ser o pleno o que ratifique o ditame da mesa de contratación ao tratarse dun alto volume de presuposto. No caso de que Urbaser apure os prazos para presentar o aval e outra documentación, "o asunto podería debaterse na vindeira sesión plenaria ordinaria, o día 23".
A proposta terá un montante global de 38.269.981 euros, ou o que é o mesmo: 4.783.747 por ano. Este canon anual divídese tamén nos servizos de renovación dos contedores, recollida e transporte de residuos e xestión do Punto Limpo, por un importe de 2.022.715 euros; e no servizo de limpeza viaria propiamente dito, por valor de 2.761.032 euros.
Como estipularon na licitación, Urbaser comprométese a subcontratar, durante toda a vixencia do contrato, a prestación dos servizos de recollida de papel e cartón e envases lixeiros.
Dentro do novo contrato a concesionaria tamén ofrece como melloras a da creación dun espazo de reutilización e de preparación para a reutilización, que incluirá almacén e espazo de reparación de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, material deportivo, mobles ou menaxe. Urbaser asumirá o custe de xestión final e tratamento dos residuos do Punto Limpo (incluído o que terá carácter móbil e que acaba de poñerse en marcha) e, por último, comprométese a ter como exclusivos e reversibles ao concello todos aqueles materiais e mecánicos que se incorporen ao servizo fóra do que marcan as cláusulas do prego de licitación (esta mellora está valorada en máis de 180.000 dos 258.901 euros en que foron estimadas o conxunto de melloras).
A partir de agora, Urbaser ten 10 días hábiles para presentar a documentación prevista na licitación, incluído un aval por importe do 5% do de adxudicación do contrato. Indican desde o Concello que no caso de que a empresa consiga cumprir o trámite en menos tempo, a proposta de adxudicación si podería ser debatida, e presumiblemente aprobada, na sesión ordinaria do 23 de febreiro.
Este contrato público supón "o maior da administración local", que pon fin a un "longo proceso de licitación que, polas súas características, precisou de asesoramento externo e de longas xornadas de análise técnico e xurídico". Engaden que á última sesión da mesa de contratación estaban convocados todos os grupos políticos, para coñecer de primeira man a proposta dos técnicos, pero só acudiu Lino Mouriño. Só a portavoz de Podemos, María de la O Fernández, escusou a súa presenza por un asunto familiar.
Este novo contrato traerá consigo a posta en marcha da recollida da fracción orgánica e da de biorresiduo forestal. Deste xeito, implicará a substitución de todos os contedores do lixo para todo tipo de residuos, a renovación de toda a maquinaria e vehículos do servizo, e, en definitiva, unha adaptación aos estándares de sustentabilidade e coidado do medioambiente emanados das directivas europeas e outros compromisos internacionais.