O goberno municipal de Cuntis aprobou os detalles que rexerán a licitación do novo contrato do servizo de axuda no fogar, que se ofertará por algo máis de 2,5 millóns de euros por dous anos.
Esta decisión, destacan desde o Concello, reafirma o compromiso do goberno local co benestar dos seus maiores e a aposta por un servizo esencial para a comunidade.
O procedemento de licitación abrirase coa publicación do anuncio no Diario Oficial da Unión Europea e no perfil do contratante do Concello de Cuntis, e as persoas interesadas terán un prazo de 30 días naturais para presentar as súas proposicións.
O contrato adxudicarase por procedemento aberto, tal e como establece a lei de contratos do sector público, e non se dividirá en lotes debido á dificultade de garantir a correcta execución do servizo e a necesidade de coordinar as diferentes prestacións.
O Concello de Cuntis destaca a importancia que ten este servizo para a comunidade, especialmente no contexto do envellecemento da poboación.
"O envellecemento da poboación é un problema que preocupa a Cuntis, ao igual que ao resto de municipios pequenos galegos e que obriga ao goberno local a implementar programas e políticas concretas destinadas ao coidado aos maiores", sinala o alcalde Manuel Campos.
Dende o goberno municipal recordan que para optar a este servizo municipal o primeiro paso é dispor dunha valoración de Benestar Social na que se estipule o grao de dependencia.
O alcalde de Cuntis recoñece o esforzo orzamentario que supón este servizo para un concello pequeno, pero sostén que "temos moi claro que a nosa prioridade son as persoas e os nosos maiores merecen que fagamos este esforzo económico".
O obxectivo é que os usuarios deste servizo poidan permanecer nos seus domicilios coa mellor atención posible, polo que Campos afirma que este programa "é irrenunciable para nós".