A artrose de xeonllo e cadeira, unha das doenzas crónicas máis frecuentes e limitantes, pode abordarse con algo máis ca pastillas. Así o defende o Programa de abordaxe conservador da artrose impulsado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Esta iniciativa que vén de ser seleccionada como finalista autonómica na Convocatoria de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde 2025–2026.
O proxecto, integrado na Estratexia para o Abordaxe da Cronicidade e centrado na adecuación da práctica asistencial, dá agora un paso máis ao pasar á fase final de avaliación ante o Ministerio de Sanidade.
Un recoñecemento que avala unha proposta baseada na evidencia científica e cun enfoque claramente centrado nas persoas.
O programa aposta polo manexo non farmacolóxico como primeira opción terapéutica, poñendo o acento na educación sanitaria, na promoción da actividade física e na prescrición de exercicio estruturado.
O obxectivo é mellorar a capacidade funcional e reducir a dor, dous dos principais retos aos que se enfrontan as persoas con artrose.
A evidencia científica actual, recollida tamén polas recomendacións da Osteoarthritis Research Society International (OARSI), subliña que esta enfermidade vai máis alá do desgaste mecánico das articulacións e implica tamén factores metabólicos e inflamatorios.
Neste novo modelo asistencial, a fisioterapia convértese no eixo central da intervención. Os fisioterapeutas encárganse da valoración inicial, da educación terapéutica e do deseño e seguimento dos programas de exercicio.
"O exercicio terapéutico ben pautado mellora a funcionalidade e a calidade de vida das persoas con artrose", destaca Guillermo Bilbao Ogando, fisioterapeuta do Centro de Saúde de Tenorio e un dos profesionais implicados no desenvolvemento do programa.
A iniciativa nace cunha clara vocación interdisciplinar. O persoal médico de Atención Primaria identifica e deriva ás persoas candidatas, mentres que o servizo de Nutrición complementa a intervención mediante sesións educativas grupais ou atención individualizada cando é necesario.
Ademais, está previsto reforzar o papel da enfermaría, tanto na captación de pacientes como na educación sanitaria e no seguimento das comorbilidades asociadas.
O programa atópase actualmente en fase de implantación progresiva en todos os centros de saúde da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A meta é garantir unha aplicación homoxénea e accesible, consolidando un modelo de atención coordinado, interdisciplinar e adaptado ás necesidades reais das persoas con artrose.