Un grupo de pacientes con dor crónica por cadros sintomáticos de artrite e artrose inaugura este xoves 20 de febreiro unha iniciativa innovadora do centro de saúde Tenorio, en Cerdedo-Cotobade.
Entre as 10.00 e as 11.30 horas, participarán no local social municipal nunha iniciativa comunitaria de actividade física co lema 'Movéndonos xuntos: actividade de benestar para o coidado da artrose e da artrite'.
Na primeira sesión participarán un total de quince usuarios do centro de atención primaria de Tenorio, aos que se lles propuxo asistir cada xoves durante 8 semanas.
Ademais desta sesión no local municipal, os pacientes farán un posterior percorrido a pé de 5 quilómetros pola contorna e recibirán "pílulas formativas" sobre hábitos saudables, analxesias, alternativas aos tratamentos farmacolóxicos e propostas de exercicio físico guiado.
A aquelas persoas que completen a actividade, o equipo de Enfermaría e Fisioterapia do centro faralles un seguimento, para poder calibrar o impacto beneficioso e saudable desta iniciativa. Previamente, xa realizaron aos participantes controis básicos de saúde para determinar os seus graos de capacidade, dependencia, reaccións cognitivas e funcionalidades físicas.

A actividade forma parte do Plan de Saúde Local e busca que estes pacientes adopten a dinámica cotiá de saír a camiñar e facer exercicio, incorporando estas actividades saudables coma rutina diaria.
Trátase dunha iniciativa da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa participación do Concello de Cerdedo-Cotobade, que cedeu as dependencias do local social.
A supervisora de Enfermaría do centro de saúde de Tenorio, Marian Carballeira García, explica que os asistentes a esta actividade comunitaria tamén compartirán durante estas oito semanas convivencia e exercicio regular e "reforzarán o valor da constancia na actividade física, que axuda a controlar o peso, reduce o risco de enfermidades do corazón, fortalecéndoo, á vez que controla os niveis de azucre no sangue e de insulina do corpo".

O fisioterapeuta do centro, Guillermo Bilbao Ogando, sinala que "o exercicio tamén pode facer máis fácil deixar de fumar, reducindo as ansias e os síntomas de abstinencia". Ademais, mellora a súa saúde mental e o estado de ánimo, pois libera no corpo substancias químicas que poden mellorar o estado de ánimo, axudando a xestionar o estrés e reducindo o risco de depresións”.
Ambos profesionais subliñan que o exercicio físico estimula o corpo para liberar proteínas e outros produtos químicos que melloran a estrutura e función do cerebro, mantendo as habilidades de pensamento e de aprendizaxe.