O Partido Socialista de Pontevedra non se dá por vencido na súa intención de lograr a creación de tres vías sanitarias libres de lombos. Poucos días despois de que o goberno local decidise non seguir tramitando a moción socialista a este respecto, o PSOE anuncia a presentación a Pleno dunha nova moción "adaptada as recomendacions do secretario", explicou Agustín Fernández en relación ao informe no que se escuda o Concello.
O portavoz socialista asegurou en rolda de prensa que "se conseguimos sacar a moción adiante, non lle quedará mais remedio que cumplila".
Fernández repetiu ademais que "hai outras vías que estaremos dispostos a esgotar" se o goberno local insiste en non cumprir "a vontade do Pleno".
Os socialistas insisten na necesidade de sacar adiante "unha proposta avalada polos profesionais, técnicos, enfermeiros e médicos que entenden que non é de recibo que os miles de doentes que cada ano acoden a Montecelo teñan que facelo botando e rebotando dentro dunha ambulancia".
Ademais de solicitar a modificación da actual Ordenanza Municipal Reguladora da Circulación nas Vías Urbanas, o PSOE solicita na moción a paralización cautelar dos novos pasos de peóns elevados que está previsto construír e insta á Deputación a non instalar 'lombos' no futuro viario entre O Marco e Montecelo, a chamada Rolda Urbana.