Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala

20 de novembro 2020

Nun debate tenso, os integrantes do grupo provincial do Partido Popular abandonaban o pleno despois de que o deputado de Economía Carlos Font díxolle a Cubela que invitaba a Alfonso Rueda, presidente provincial do PP, a falar de salarios, sobres e corrupción. Ao negarlle a presidenta a réplica ao líder dos populares, a oposición abandonou o salón plenario

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

Tenso e bronco debate o vivido este venres 20 na Deputación de Pontevedra. Fóra do Pazo Provincial concentrábanse en protesta traballadores da institución, convocados por CC. OO., mentres no interior o debate entre Carlos Font, deputado de Economía e César Mosquera, vicepresidente da Deputación co portavoz da oposición Jorge Cubela finalizou co abandono dos deputados populares do salón plenario antes de que votasen o orzamento provincial para o próximo 2021, que se aprobou co apoio dos deputados do goberno bipartito PSOE-BNG.

Os populares presentaran unha emenda á totalidade que foi cualificada por Font como un "refrito breve e acelerado", que non contemplaba un orzamento alternativo. O portavoz do grupo socialista defendía os 164 millóns e euros, aos que se sumarán 20 millóns de remanentes e fondos europeos. Acusou aos populares de utilizar falsidades durante a súa última rolda de prensa cando dicían que neste orzamento se incrementaban os soldos das dedicacións exclusivas.

Pola súa banda, César Mosquera, portavoz do BNG, tamén defendía o documento presentado para indicar que se incrementa o diñeiro destinado aos Concellos e manifestou que "o PP leu os orzamentos cun ollo cheo de sangue" e acusou os populares de ter unha especial "enquina cos medios de comunicación e coa xente que vive da comunicación" ao pedir que se retiren a partida destinada a promoción. O vicepresidente provincial alegou que as empresas deste sector "están todos en ERTEs e en crise e vostedes queren que colaboremos e arruinemos aos medios de comunicación".  Despois tamén atacou á bancada popular lembrándolles que estiveran encantados cando aprobaron a subida en xullo de 2019, "non se acordan?" ironizou Mosquera ao arremeter contra os populares por romper un acordo previo "hai que telos cadrados ou piramidais!", sentenciou.

Na súa intervención, o portavoz popular Jorge Cubela queixouse da escasa marxe que se lles ofreceu para analizar o documento do orzamento: "unha fin de semana", afirmou. E culpou ao bipartito de falta de diálogo e de consenso, ademais de elaborar uns orzamentos a fume de carozo e de carácter continuista. Manifestou que o PP defende o municipalismo e culpou ao goberno que lidera Carmela Silva de non reunirse cos alcaldes e ver as necesidades que teñen para enfrontarse á crise derivada da covid-19. Pediu que aumenten 7 millóns os investimentos destinados aos municipios e unha partida de 10 millóns para os autónomos en lugar de destinar o diñeiro a "propaganda".

Na réplica, Carlos Font volveu criticar a emenda popular sinalando que "o que presentaron non cadra ingresos con gastos". Insistiu en que co goberno anterior, do PP, na  Deputación só destinábanse 22 millóns aos  Concellos e agora o investimento triplicouse. Lembrou a Cubela que se creou unha liña específica pola covid. Sobre o diñeiro que se inviste en publicidade institucional, o deputado de Economía preguntou aos populares se estaban en contra das campañas para fomentar o xoguete inclusivo e contra a violencia machista.

Mosquera incidiu despois en que Jorge Cubela non citara  "nada do que dixo na prensa facendo un expolio moi feo. Igual era mellor recoñecelo e disculparse dicindo que o miraron co ollo cheo de sangue". A continuación defendeu os orzamentos sinalando que fai tres ou catro meses " nin nos  mellores  sonos  pensabamos en elaborar este documento".

Pola súa banda, Cubela na súa segunda intervención defendeu a xestión da Xunta de Galicia á hora de contactar coa cidadanía e puxo de exemplo o plan destinado a axudar ás comunidades de augas. E volveu lamentar que o bipartito non puidese levar un orzamento "equilibrado para facer fronte á situación actual" e subliñou a falta de diálogo e transparencia.

Na última quenda, Carlos Font ante as palabras de Cubela convidou o portavoz popular a trasladar a Alfonso Rueda, presidente provincial do PP, o reto de que "o día que queira que falemos de salarios, de sobres, de corrupción e do que queira, que o diga. Estamos dispostos a falar"

Esta acusación provocou o balbordo entre os deputados do PP que pediron a quenda de réplica. A presidenta Carmela Silva negoullo e chamou ata en dúas ocasións á orde a Jorge Cubela, que insistía en querer falar ao que a máxima dirixente da provincia espetoulle: "Señor Cubela, espero que vostede non veña aquí a facer o mesmo que o deputado de Vox en Andalucía.  Isto o dirixo eu". A  continuación, os deputados populares levantáronse e abandonaron o pleno diante da mirada de Silva que expresaba "Xa temos numerito. Están non  seu dereito". Á saída, Cubela manifestaba que se vía sorprendido pola "violencia verbal e o ton provocador" do portavoz socialista.

Ante a ausencia dos populares, o orzamento foi aprobado con 16 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. 

Segundo o goberno provincial, o orzamento que ascende a 164,5 millóns de euros consolida o liderado da  Deputación de Pontevedra como a administración provincial que máis fondos transfire aos concellos. Indican, ademais, que supoñen un crecemento dun 2,2% sobre os orzamentos deste ano e sitúan a débeda provincial en 0,9 millóns de euros.