Pontevedra estreará este verán o parque comercial do Vao, en Campañó, entre a estrada de Vilagarcía e a autoestrada AP-9.
Este novo complexo está impulsado pola inmobiliaria Ponteno (integrada no grupo Nogar) que sitúa a conclusión das obras no próximo verán, tras un longo percorrido administrativo e tres anos de traballos sobre o terreo.
Desde hai semanas, os que circulan pola zona poden ver como asoman as estruturas das futuras tendas. Chegar até aquí non foi un camiño sinxelo xa que as complexidades da tramitación sumáronse distintos contratempos durante a execución das obras, o que obrigou a axustar prazos e previsións.
O Concello de Pontevedra dá agora marxe para culminar a actuación con tranquilidade. A Xunta de Goberno local aprobou este xoves unha ampliación do prazo da licenza de obra, que inicialmente debía finalizar a finais do ano pasado. Aínda que a intención é que o parque estea operativo en poucos meses, a prórroga concede o máximo legal, até dous anos, para afrontar calquera imprevisto de última hora.
O investimento supera os 10,3 millóns de euros e permitirá completar a ampliación do polígono do Vao sobre unha parcela de máis de 36.600 metros cadrados. Máis da metade do terreo estará ocupado por dúas grandes edificacións comerciais.
A nave principal reunirá a cinco marcas de primeiro nivel: Decathlon, JYSK, Leroy Merlin, Kiwoko e Vegalsa-Eroski, mentres que un segundo edificio, de menor tamaño, dará cabida a Norauto.

O impacto económico tamén se medirá en emprego. As estimacións apuntan á creación de ao redor de 200 postos de traballo directos unha vez que o complexo estea en funcionamento.
O deseño do parque comercial contempla, ademais, unha dotación de aparcadoiros. Haberá un estacionamento exterior con 462 prazas e outro na parte superior da nave central, xunto ao Eroski, con capacidade para 412 vehículos.
A iso súmanse zonas verdes e melloras nos accesos, tanto desde a rotonda que conecta a PO-531 co Paseo da Xunqueira de Alba como desde un novo viario cara ao núcleo do Riveiro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.