Novo referente de lecer en Caldas coa apertura de Entreaugas

Umia
04 de xullo 2026
Actualizado: 20 de xullo

Situado na confluencia dos ríos Umia e Bermaña, en pleno centro da vila, permanece aberto todos os días da semana, de 15.00 a 21.00 horas

Entreaugas en Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

O novo espazo recreativo das Pozas da Tafona, agora denominado Entreaugas, púxose en marcha cunha excelente resposta por parte de veciños e visitantes, segundo destaca o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Manuel Fariña.

Apenas uns días despois da súa apertura, o recinto xa se converteu nun dos lugares máis concorridos de Caldas de Reis, confirmando a expectación que espertara antes da súa inauguración.

Situado na confluencia dos ríos Umia e Bermaña, en pleno centro da vila, o espazo recibe cada xornada un fluxo constante de persoas que se achegan para coñecer esta instalación.

Desde o Concello fan un balance moi positivo destes primeiros días de funcionamento e consideran que a acollida cidadá apoia unha actuación concibida para recuperar e potenciar un enclave privilexiado desde o punto de vista natural e paisaxístico.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destacou que Entreaugas "está chamado a marcar unha época en Caldas" e asegurou que o proxecto vai máis aló da creación dunha nova zona de lecer. Na súa opinión, trátase dunha iniciativa con capacidade para transformar a forma de gozar a vila e reforzar a súa proxección de cara ao futuro.

Fariña subliñou ademais que a actuación encaixa no modelo de desenvolvemento polo que aposta o goberno local, baseado na posta en valor dos principais recursos do municipio e "este espazo contribúe a consolidar unha imaxe de vila moderna, atractiva e con potencial para seguir crecendo", sinalou.

O edil expresou o seu desexo de que o proxecto teña continuidade no tempo e poida ser gozado polas próximas xeracións, converténdose nun legado para a localidade.

O Concello tamén pon o foco no impacto económico que pode xerar Entreaugas, ao considerar que contribuirá a incrementar a chegada de visitantes e a dinamizar sectores como a hostalaría, o comercio e os servizos.

Ao mesmo tempo, o executivo municipal apunta que ese crecemento turístico deberá ir acompañado de medidas que garantan a sustentabilidade do destino e o mantemento duns servizos públicos de calidade para a poboación.

Entreaugas permanece aberto todos os días da semana, de 15.00 a 21.00 horas. Ademais, a Oficina Municipal de Turismo ofrece información tanto aos visitantes como á cidadanía sobre o funcionamento do espazo e o resto de recursos turísticos do municipio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora