A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve vivir cifras de contaxios diarias que non se coñecían desde hai semanas. Nas últimas 24 horas, detectáronse 36 novos positivos por covid-19 que, a pesar de que se deron 19 altas a pacientes, elevan o número total de casos activos en 17 máis que o mércores.
Segundo os datos do balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este xoves hai 283 casos activos de covid-19, dos que 261 son pacientes que se recuperan nos seus domicilios e 22 están no hospital.
Nos hospitais hai un paciente menos que o mércores, aínda que hai que ter en conta que nas últimas horas faleceu unha muller que estaba ingresada no Hospital Montecelo. Trátase dunha paciente de 87 anos que presentaba patoloxías previas.
En total, hai 22 pacientes hospitalizados, dous deles na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Supón un máis nesta unidade que 24 horas antes.
Ademais, hai 20 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 17 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés. Non hai ningún no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 12.497 pacientes (19 na última xornada) e faleceron 168 pacientes (a última, en Montecelo este mércores).
Nas últimas 24 horas fixéronse 491 probas PCR, que elevan a 187.312 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
Fronte ao incremento de casos activos da área de Pontevedra e O Salnés, a nivel autonómico hai este xoves menos positivos confirmados. Así, en toda Galicia o número total de enfermos coa infección activa son 2.185, 48 menos que os 2.233 rexistrados o mércores. Nas últimas 24 horas confirmáronse na comunidade 132 novos positivos.
Ademais, descende a cifra de hospitalizados na comunidade. Este xoves hai 15 hospitalizados menos que o mércores. Son un total de 173, dos que 145 están en planta e 28 en unidades de críticos.
Mentres en Pontevedra hai 17 casos activos máis e en Ourense tamén crecen os casos cun máis, un total de 140, no resto de Galicia fréase a expansión. Na Coruña os casos reducíronse en 32, situándose en 616. Tamén en Vigo baixan os casos, con 600, 23 menos que o día anterior. En Ferrol hai 86 casos (-5), en Lugo o total é de 142 (-3) e en Santiago e Barbanza a cifa sitúase en 318 (-2).