Novo taller de duelo para afrontar a perda dun ser querido por cancro

Pontevedra
24 de xaneiro 2022

Organizado pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, desenvolverase todos os luns desde o 14 de febreiro ao 18 de abril, de 17.00 a 18.30 horas, na sede da Asociación, con posibilidade de abrir novos grupos en distintas localidades da provincia

Unha muller no cemiterio
Unha muller no cemiterio / Juan Mejuto

Afrontar a perda dun ser querido provoca un conxunto de reaccións chamadas duelo. A maioría das persoas son capaces por si mesmas de afrontar estas reacciones pero en ocasións necesítase intervención especializada para poder chegar a completar este proceso.

Compartir este momento con outras persoas na mesma situación pode axudar a que estas emocións evolucionen favorablemente. Por iso, desde a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra ponse en marcha de novo o taller Vivindo o meu duelo, dirixido a persoas que perderon un familiar por cancro.

Esta terapia grupal desenvolverase todos os luns desde o 14 de febreiro ao 18 de abril, de 17.00 a 18.30 horas, na sede da asociación na rúa Eduardo Pondal, con posibilidade de abrir novos grupos en distintas localidades da provincia.

O obxectivo deste taller, impartido por unha psicóloga da Asociación, é mellorar a evolución e evitar as complicacións que poidan derivar nun duelo patolóxico.

Durante as 10 sesións abordaranse diferentes temáticas desde o autocoidado de cada participante, pasando por sentimentos como a tristeza, o enfado ou a culpa, a comunicación coa familia, o legado que deixou esa persoa ata o agradecemento. Este traballo reforzarase con lecturas, tarefas e vídeos para motivar aos/ as participantes.

Como todas as demais actividades e servizos da Asociación, este taller de duelo é completamente gratuíto. Para inscribirse é necesario chamar ao teléfono gratuíto 900 100 036 (24 horas) ou escribir ao correo electrónico [email protected]