Novo tellado para a Aula de Pousada do CRA de Vilaboa

Vilaboa
14 de xaneiro 2026

A intervención, cun investimento de preto de 47.000 euros, permitiu renovar o tellado mediante a colocación de paneis metálicos tipo sándwich

Visita do delegado da Xunta ao CRA de Vilaboa
Visita do delegado da Xunta ao CRA de Vilaboa / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegouse este mércores ata a Aula de Pousada do CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez para comprobar de primeira man o resultado da substitución da cuberta do edificio.

A intervención, cun investimento de preto de 47.000 euros, permitiu renovar o tellado mediante a colocación de paneis metálicos tipo sándwich, con chapa de aceiro galvanizado e núcleo de poliuretano, deseñados cunha pendente a unha soa auga.

Unha mellora técnica para poñer fin aos problemas de filtracións que sufría o centro e garantir unhas instalacións máis cómodas e seguras tanto para o alumnado como para o profesorado.

Durante a visita, Reguera puxo en valor este tipo de actuacións "discretas pero fundamentais" e subliñou que a Xunta mantén "un compromiso claro coa calidade da educación pública galega e coa idoneidade dos centros educativos".

O delegado territorial aproveitou tamén a ocasión para facer balance do inicio do ano en materia de infraestruturas educativas e referiuse á recente licitación das primeiras 16 obras en centros escolares galegos neste 2026.

No caso da área territorial de Pontevedra, destacou tres actuacións de "gran importancia" como son a do CEIP de Seixo, en Marín, cun orzamento de 1,1 millóns de euros; o CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño, en Campo Lameiro, con 711.000 euros; e o CPI Aurelio Marcelino Rey García, en Cuntis, tamén con 1,1 millóns de euros.

Segundo explicou Reguera, estas primeiras obras do ano son "unha mostra máis do compromiso do goberno galego coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI", unha liña de traballo que se enmarca no plan de nova arquitectura pedagóxica.

Unha folla de ruta ampla que inclúe grandes proxectos como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais e tamén intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan realizarse nos meses de verán como son as reformas de baños, melloras de accesibilidade, actuacións de humanización, traballos de pintura ou arranxos de patios, entre outras.