O novo viario de Mollavao, desbloqueado: o permiso de Adif está "resolto", segundo Mosquera

Pontevedra
08 de xullo 2025
Actualizado: 14:54

Esta autorización chegou ao rexistro da Deputación de Pontevedra, segundo explicou César Mosquera. Será o Concello, pola súa banda, o que se encargue de licitar e contratar a obra

Lugar onde se proxecta o novo vial de Mollavao
Lugar onde se proxecta o novo vial de Mollavao / Mónica Patxot

Tras meses de espera, todo apunta a que a licitación do novo viario de Mollavao, que unirá a rúa Rosalía de Castro coa Avenida de Marín, é inminente.

O único permiso que faltaba, o do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), está "resolto", segundo explicou este martes o edil responsable da área municipal de obras e infraestruturas, César Mosquera.

"Non vimos aínda o permiso pero se desde Madrid din que está resolto, confiamos na súa palabra e así debe estar", indicou Mosquera.

Esta autorización chegaría ao rexistro da Deputación de Pontevedra, que é a encargada de tramitar este proxecto desde o punto de vista urbanístico. Será o Concello, pola súa banda, o que se encargue de licitar e contratar a obra.

O edil do BNG, que recentemente lamentara o atraso na emisión deste permiso, vinculou o desbloqueo administrativo á "décima concelleira" nacionalista, a actual senadora Carme da Silva, que presionou para axilizar o trámite.

A nova conexión entre Rosalía de Castro e a Avenida de Marín será un viario de apenas 97 metros, previsto para desconxestionar o tráfico na zona sur da cidade.

Esta nova infraestrutura terá dous carrís con dobre sentido de circulación de catro metros de ancho, beiravías dun metro e beirarrúas de cinco metros.

A conexión coas estradas existentes realizarase mediante glorietas, unha na PO-12 cun radio exterior de seis metros e carrís de 3,5 metros de ancho e outra na rúa Rosalía de Castro de 12,75 metros de radio exterior e carrís de 3,5 metros.

Xunto con este viario, o Concello poderá activar tamén a reforma integral do primeiro tramo da estrada PO-546, entre a rotonda de Manuel del Palacio e esta nova estrada, dándolle a toda esta zona un tratamento acorde a unha travesía urbana.

A intención é licitar ambas as actuacións de maneira conxunta. Están presupostadas nuns 3,3 millóns de euros, segundo recollen os estudos técnicos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora