Novos lucernarios para protexer o produto fresco no mercado municipal

Pontevedra
06 de febreiro 2026
Actualizado: 13:36

A actuación, que se executará por fases e sen pechar o mercado, inclúe a instalación de vidros de control solar e unha segunda pel interior con valor artístico

Recreación do novo lucernario
Recreación do novo lucernario / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra destinará máis de medio millón de euros á mellora do mercado municipal cun proxecto que permitirá renovar os lucernarios e avanzar de maneira significativa no confort térmico e lumínico do edificio.

A actuación, cun orzamento de 518.732 euros, busca solucionar un dos principais problemas detectados nos últimos anos como é a incidencia directa da luz solar e da calor sobre os postos de produto fresco da zona baixa, especialmente os de peixe, froita e flores.

A concelleira de Mercados, Anabel Gulías, presentou este venres o proxecto, que contempla a substitución da actual cuberta de vidro por unha solución de carácter tecnolóxico e tamén artístico.

Tras un estudo detallado do inmoble, o goberno local optou por executar a reforma por fases, comezando pola renovación dos lucernarios, considerados un punto crítico para o funcionamento diario do mercado.

Nesta primeira etapa instalaranse vidros de control solar, capaces de filtrar os raios infravermellos, e crearase unha segunda pel interior que actuará como protección adicional.

A intervención, deseñada pola arquitecta Magdalena Portela, permitirá mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e de confort tanto para os praceiros como para a clientela, ao tempo que facilitará a ventilación e as tarefas de limpeza.

Ademais, incorporarase unha proposta artística retroiluminada con tecnoloxía LED que achegará un novo valor estético ao espazo.

A obra obrigará tamén a reforzar previamente a estrutura do edificio, debido ao maior peso dos novos materiais.

"Queremos transformar o mercado nun equipamento non só gastronómico, senón tamén cultural, sen perder a súa esencia de praza", sinalou Gulías durante a presentación.

O Concello prevé iniciar de inmediato o proceso de contratación co obxectivo de que as obras poidan executarse ao longo deste mesmo ano.

O prazo estimado de execución é de dous meses e a intención municipal é compatibilizar os traballos coa actividade habitual do mercado, evitando o seu peche.

A concelleira destacou que esta actuación forma parte dunha "aposta continuada do goberno local polo mercado municipal". Xunto a esta obra, xa se realizaron melloras como a renovación das cámaras e das canalizacións, mentres están en marcha os novos montacargas.

A estas intervencións sumarase proximamente a construción de aseos inclusivos no primeiro andar, o que fará que o investimento total no mercado supere o millón de euros neste mandato.

De cara ao futuro, o Concello xa traballa nas seguintes fases do proxecto, que incluirán a instalación de sistemas de climatización e ventilación mecánica, o peche das arcadas da Rúa Serra e novas melloras no illamento acústico, co obxectivo de modernizar o edificio e garantir a súa funcionalidade a longo prazo.