Creatividade e sabor no Mercado de Abastos cunha programación gastronómica e cultural até maio

Pontevedra
30 de xaneiro 2026
Actualizado: 14:22

A axenda inclúe mercados creativos, un festival de cine gastronómico e o Foro de Novos Talentos da Cociña Atlántica, con talleres, showcookings e catas

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica / Cristina Saiz

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou este venres a programación de actividades que se desarollarán no Mercado de Abastos de Pontevedra entre xaneiro e maio, co obxectivo de "revitalizar o mercado".

O plan, financiado a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, combina mercados creativos, un novo festival de cine gastronómico e un foro dedicado aos novos talentos da cociña atlántica.

A programación arrinca este sábado, 31 de xaneiro, co regreso dos Mercados Creativos, que se celebrarán desde o 14 de febreiro até o 25 de abril. A primeira cita estará dedicada á ilusión, reunindo a 30 expositoras de deseño e artesanía galega, un taller infantil para crear varitas máxicas e unha Sesión Vermú amenizada polo grupo O Cuarto de Tula.

Unha das grandes novidades que ofrece o Concello esta tempada será o Festival de Cine Gastronómico, unha experiencia piloto con 12 sesións que se celebrarán entre o 3 de febreiro e o 10 de maio. Cada proxección incluirá unha degustación vinculada coa película para as 30 primeiras persoas asistente e un coloquio con restauradores locais como As Greas, Mami Poque ou Casa Román. O ciclo comezará coa película 'Una pastelaría en Tokio' e unha degustación acompañada de viño.

De maneira paralela, o Mercado de Emprendimiento incorporará novas iniciativas vinculadas ao sector alimentario. Os novos postos estarán xestionados por Sonia Iglesias Cancela, de 'Artesa Saudable', especializada en panadaría vegana e sen gluten, e Cristina Rodríguez Eijo, de 'A Morena', dedicada a marmeladas vexetais artesás con baixo contido en azucre e usos creativos na cociña.

FORO DE NOVOS TALENTOS DA COCIÑA ATLÁNTICA

Para febreiro e marzo, o Mercado acollerá o Foro de Novos Talentos da Cociña Atlántica, unha aposta polo talento gastronómico da cidade coa colaboración do CIFP Carlos Oroza. Haberá coloquios, showcookings, música e catas comentadas con viños da D.O. Rías Baixas.

O foro abrirase o 5 de febreiro co encontro 'A cociña atlántica sabe a mar', que incluirá un coloquio con Antonio Novas (Trasmallo), unha demostración culinaria de novos chefs con produtos mariños e unha cata comentada de viños Rías Baixas. As seguintes citas serán:

  • 12 de febreiro, 'A cociña atlántica sabe a terra', con Alberto López (Casa Román) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña).

  • 19 de febreiro, 'A cociña atlántica sabe a doce', con Mayka e Manuel Solla (Confitería Solla) e María Luisa e Mencu Collado (Confitería Capri).

  • 26 de febreiro, 'A cociña atlántica sabe a tradición renovada', con Andrés Virgós (Gumer) e Sergio García (Icewolf).

  • 5 de marzo, 'A cociña atlántica sabe a Pontevedra', cunha demostración de Arón Álvarez (Os Maristas) e unha mesa redonda sobre emprendimiento xunto a Iñaki Bretal e Rubén González (El Cafetín).

  • 6 de marzo, mesa redonda sobre innovación gastronómica con Pepe Solla (Casa Solla) e profesorado do CIFP Carlos Oroza, seguida do showcooking 'A nova xeración atlántica'.

Cada xornada contará con concursos de chefs locais, sesións de DJ temáticas e catas dirixidas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza.