Novos obradoiros de emprego na comarca do Salnés

Umia
10 de setembro 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, anunciou este venres no Pazo de Vista Real que a Xunta de Galicia concederá novos obradoiros de emprego nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, O Grove e Caldas de Reis e na Mancomunidade do Salnés

Obradoiro en Vilanova de Arousa
Obradoiro en Vilanova de Arousa / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, anunciou este venres no Pazo de Vista Real que a Consellería de Emprego concederá novos obradoiros de emprego nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, O Grove e Caldas de Reis e na Mancomunidade do Salnés.

Durante a visita ao Pazo, o representante autonómico destacou a importancia do emprego que, "xunto coa sanidade e a educación, son os tres grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso, agora que afrontamos a fase final da pandemia e que se percibe unha boa reactivación, imos investir máis de 6,6 millóns de euros en vinte novos obradoiros na provincia de Pontevedra cun forte peso da comarca do Salnés".

Os obradoiros de emprego duais aprobados na nova convocatoria son Forme 2021 para Vilagarcía de Arousa. Neste caso se centrará no Servizo de Axuda no Fogar e na Montaxe e Mantemento de Redes Eléctricas e Sistemas Domóticos; Vista Real VII para Vilanova de Arousa, que disporá dos módulos de Xardinaría e Xestión de Redes, e A Lanzada IV no Grove, orientado á atención social aos colectivos desfavorecidos e á investigación gastronómica de produtos do mar.

Pola súa banda, Os Camiños do Camiño II en Caldas de Reis seguirá coa recuperación paisaxística da antiga fervenza e da central eléctrica de Segade, e Hostalería do Salnés XIII para a Mancomunidade do Salnés proseguirá coa formación de profesionais de cociña e sala para o sector hostaleiro. Cada unha destas accións formativas contará cun orzamento de 347.000 euros.

Esta nova quenda de obradoiros iniciarase co proceso de selección para iniciar as actividades no mes de outubro e contará cun cento de participantes a razón de vinte alumnos-traballadores en cada un deles.

A formación será específica durante nove meses e realizarán traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto por parte dos concellos promotores, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.

Durante a visita ao Pazo de Vista Real, Luís López aproveitou para supervisar as actividades formativas do taller de emprego dual Vista Real VI, que está a piques de terminar, e da iniciativa laboral de garantía xuvenil Mar de Santiago, que se iniciou hai unhas semanas.

O orzamento global para esta serie de actividades será de máis de 1,7 millóns de euros, segundo informaron dende a Xunta de Galicia.