Nunca Máis toma as rúas de Pontevedra 11 anos despois

Pontevedra
01 de decembro 2013

A cidade de Lérez súmase a outras sete cidades galegas no undécimo aniversario da gran manifestación polo afundimento do Prestige porque "ten que haber unha resposta social ás mareas de impunidade e manipulación"

Manifestación de Nunca Máis en Pontevedra
Manifestación de Nunca Máis en Pontevedra / Diego Torrado

De novo 1 de decembro, xusto 11 anos despois da gran manifestación polo afundimento do Prestige, o berro de Nunca Máis cruzou as rúas de Pontevedra porque "ten que haber unha resposta social ás mareas de impunidade e manipulación", segundo declarou o voceiro da Plataforma Nunca Máis na cidade de Lérez, Xosé Manuel Abraldes.

Pontevedra uniuse a Santiago, Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo e Foz sacando miles de persoas á rúa en Galicia porque "pensamos que é necesario volver ás manifestacións para rexeitar as mareas que estamos vivindo agora".

Xosé Manuel Abraldes: "Ten que haber unha resposta social ás mareas de impunidade e manipulación"

Esas mareas ás que se refire Abraldes "non son afortunadamente de chapapote, pero son mareas de impunidade por culpa dun xuízo farsa e unha sentenza incomprensible que deixan a todos os responsables sen culpabilidade".

Outro dos puntos referidos polo voceiro da plataforma céntrase na "manipulación na que todos aqueles responsables están agora quedando coma grandes xestores e amparándose na sentencia para decir que fixeron o que tiñan que facer e se volvese a pasar outra vez que farían o mesmo".

A marcha, que partiu aproximadamente ás 12:20 horas da praza da Ferrería, percorreu varias rúas do centro urbano para finalizar na Praza de España, onde se leu un manifesto para reclamar xustiza, lembrando que "aínda queda por facer" e esixindo solucións concretas para evitar que unha catástrofe similiar se poida volver producir.