Núñez Feijóo e Rajoy farán especial fincapé en Pontevedra durante a campaña electoral

Pontevedra
05 de setembro 2016

O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, e o presidente local, Jacobo Moreira, xunto con outros candidatos populares presentaron as principais propostas do programa de Alberto Núñez Feijóo de cara ás vindeiras eleccións autonómicas

O presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa
O presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa / Cristina Saiz

O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, e o presidente local, Jacobo Moreira, xunto a outros candidatos populares presentaron as principais propostas do programa de Alberto Núñez Feijóo para as próximas eleccións autonómicas.

Rueda avanzou que o candidato popular a renovar o seu cargo na presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e seguramente tamén o presidente do goberno en funcións, Mariano Rajoy visitarán a cidade en varias ocasións ao longo da campaña.

Neste sentido, avanzou que Núñez Feijóo presentará o vindeiro mércores 7 en Pontevedra as principais iniciativas para a comarca. Ademais, Alfonso Rueda tamén anunciou que tentarán que outros líderes políticos do Partido Popular se acheguen pola cidade do Lérez como é o caso de Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP.

Núñez Feijóo e Mariano Rajoy daranse cita na praza de Touros este sábado 10 nun mitin no que esperan volver encher o coso de San Roque como nas dúas citas electorais anteriores.

Rueda e Jacobo Moreira sinalaron este luns que o Partido Popular centrarase nos próximos anos, se renovan a súa presenza á fronte da Xunta, en investimentos de contido social e tamén en proxectos de infraestruturas. Destacaron como grandes proxectos para Pontevedra a creación do novo Hospital de Pontevedra coa remodelación de Montecelo e a ampliación da ponte de Rande, que beneficiará aos cidadáns da capital.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en