O 15 de maio remata o prazo de inscrición para a campaña de chipeado de cans

Pontevedra
05 de maio 2014

Ata o momento, 22 persoas solicitaron o chipeado para 24 cans dentro da campaña 'Yes, we can' promovida polo Concello de Pontevedra

Cans en Campolongo
Cans en Campolongo

A concellaría de Sanidade Animal alerta de que o 15 de maio finaliza o prazo para inscribirse na campaña para chipear, por 25 euros, a aqueles cans que aínda non teñan o chip cos seus datos.

Ata o momento, 22 persoas solicitaron o chipeado para 24 cans, pero aínda poden apuntarse as persoas que teñan as súas mascotas sen este elemento de identificación solicitándoo a través do teléfono municipal 986 80 43 00 (extensión 7584).

A campaña encádrase na programación de 'Yes, we can' que promove o Concello xunto ás entidades protectoras de animais Os Palleiros, Difusión Felina e Adopcións Galicia co obxectivo de solucionar o problema do abandono. O chip permite, precisamente, reducir o número de abandonos e a localización dos donos dos cans perdidos. A asociación Os Palleiros indica que durante o pasado ano se rexistraron 350 abandonos no municipio.

A campaña continuará no mes de xuño cunha xornada de adestramento destas mascotas. E durante ese mesmo mes, realizaranse rutas por espazos naturais a través dun adestrador que indique como se debe actuar co animal nestes recintos.

Ao longo do mes de setembro iniciarase unha campaña de sensibilización entre os escolares para que visiten o refuxio de animais que xestiona Os Palleiros en Campañó.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora