Os abandonos de cadelas con cachorros disparan a poboación do refuxio: 201 animais en cinco meses

Pontevedra
04 de xuño 2014

O abandono de animais disparouse en Pontevedra e causa preocupación entre os colectivos que traballan con cans e gatos no municipio. Para poñerlle freo, a campaña municipal 'Yes we can' céntrase na súa edición 2014 en promover a adopción e a esterilización de mascotas e xerar unha conciencia cidadá en contra do abandono

Cans en Campolongo
Cans en Campolongo

O abandono de animais disparouse en Pontevedra e causa preocupación entre os colectivos que traballan con cans e gatos no municipio. Para poñerlle freo, a campaña municipal 'Yes we can' céntrase na súa edición 2014 en promover a adopción e a esterilización de mascotas e xerar unha conciencia cidadá en contra do abandono.

No seu obxectivo, que comparten o Concello, Os Palleiros, Adopciones Galicia e Difusión Felina, enfróntanse a cifras de abandono que desbordan a capacidade de reacción dos distintos colectivos. Nos cinco primeiros meses do ano o refuxio de Campañó recibiu 201 cans abandonados fronte aos 150 do mesmo período de 2013.

Despois desa avalancha recibida entre xaneiro e maio, na actualidade hai no refuxio que xestiona Os Palleiros 167 cans, aos que hai que unir os que ten este colectivo en casas de acollida e os que xestiona Adopciones Galicia.

Ambas as dúas asociacións alertan de que se produciu un incremento, sobre todo, do abandono de cadelas con cachorros e, como exemplo da falta de conciencia cidadá, indican que o pasado domingo alguén tirou un can de tres quilos a través do enreixado das instalacións de Campañó.

O concelleiro de Sanidade AnimalMiguel Filgueira, presentou este mércores as últimas novidades do 'Yes we can', que veñen marcadas polo mal tempo. Este sábado día 7 estaba programada unha xornada na rúa para promover as adopcións que incluirá un posto das tres asociacións colaboradoras, pero aprazouse para o sábado 21 ante as previsións de chuvia para esa xornada.

Este sábado día 7 si se realizará a segunda ruta canina, que sairá sobre as 10.00 horas do encoro do Pontillón e ten como obxectivo dar pautas de comportamento aos donos de mascotas para sacar os seus animais a espazos naturais. Hai programadas tres xornadas ao longo deste mes de xuño.

Filgueira anunciou que seguen en marcha todas as accións destinadas ao adestramento animal e organizarase unha xornada de formación na que un profesional na materia dará unha clase teórica un sábado pola mañá (aínda por definir) e pola tarde haberá clases prácticas en grupos reducidos.

Ademais, xa se puxo en marcha a campaña de chipeado de cans na fase que implica a colaboración con clínicas veterinarias e para o próximo 15 de xuño hai prevista unha xornada en Marcón. Estanse a programar accións na parroquia de Xeve e na sede do Concello en Michelena 30, pero aínda non se concretou as datas. En total, está previsto poñer chip a un centenar de cans.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora