O 6 de novembro, nova xuntanza para avanzar no ente supramunicipal que xestionará a auga

Pontevedra
27 de outubro 2023

A Xunta de Galicia quere comprobar que os deberes que lles puxo aos concellos da área de Pontevedra, coa fin de crear un ente supramunicipal para a xestión do abastecemento de auga, se están a cumprir. De aí que os convocara a todos a unha nova xuntanza

Reunión de representantes de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas coa Xunta e Acuaes
Reunión de representantes de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas coa Xunta e Acuaes / Cristina Saiz

A Xunta de Galicia quere comprobar que os deberes que lles puxo aos concellos da área de Pontevedra, coa fin de crear un ente supramunicipal para a xestión do abastecemento de auga, se están a cumprir. De aí que os convocara a todos a unha nova xuntanza.

O encontro, ao que están chamados os municipios de Pontevedra, Vilaboa, Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Ponte Caldelas, celebrarase o próximo 6 de novembro na delegación territorial da Xunta e estará presidida pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

O obxectivo desta reunión é avaliar o estado da tramitación, unha vez comunicado desde a Xunta o 2 de agosto o inicio do proceso para a configuración do futuro ente supramunicipal para xestionar o sistema de abastecemento que capta nos ríos Lérez e Rons.

Naquel momento acordouse que cada un dos municipios iniciaría antes de outubro, nos respectivos plenos, o trámite para unha concesión de 1.000 l/s, que é a mesma capacidade que ten a estación de tratamento de auga potable de Pontevedra.

Transcorrido o período de tempo sinalado, a Xunta reunirase cos concellos para avaliar o punto no que se atopan os ditos trámites municipais. 

A creación deste ente, segundo o goberno galego, contribuirá a resolver a actual situación de alegalidade da captación de auga e a inexistencia dunha comunidade de usuarios que garanta a participación de todos os municipios que se abastecen do sistema de Pontevedra. 

O Concello de Pontevedra ten unha concesión de captación de auga que non está regularizada e tamén abastece a outros municipios.

As instalacións son de titularidade estatal, pese a que Acuaes lle cedeu a súa operatividade de mantemento ao Concello co fin de que este garantise a subministración ao resto dos municipios e constituíse un ente supramunicipal para asegurar a cogobernanza. 

Ademais, os eventuais episodios de escaseza de auga fan imprescindible coñecer a auga que se capta en todo momento e tamén a distribución e o consumo de auga nos distintos concellos.