O sindicato CIG-Ensino realizou a pasada semana do 11 de abril unha enquisa entre o profesorado do ensino público que contou coa participación de 6.352 docentes para coñecer como está a ser a experiencia de teleformación, cando xa se cumpre un mes desde a suspensión das clases presenciais polo estado de alarma.
Nos datos recollidos, destácase a fenda dixital e social existente tanto entre os profesionais como no acceso do alumnado aos medios tecnolóxicos. A falta de formación específica en teleformación, as desigualdades en canto a recursos económicos para acceder á tecnoloxía ou as dificultades nas zonas do rural para ter conexión a internet son algúns dos aspectos que se detacan neste estudo. Todo isto ten como consecuencia o aumento do nivel de estrés entre o profesorado e un descontento xeralizado coa actuación da Consellería de Educación.
A experiencia do día a día dos profesores amosa a constatación dunha realidade preocupante: o 82% do alumnado ten limitacións para comunicarse cos seus profesores, na maioría dos casos, por cuestións que dificilmente poden solucionar os docentes, malia buscar alternativas. Ademais de problemas de cobertura, especialmente en zonas do rural, existen outros condicionantes socio-económicos detrás desta desconexión: dificultade das familias para o manexo dos dispositivos electrónicos e das plataformas educativas; pais e/ou nais que teñen que compaxinar traballo como servizos esenciais e/ou teletraballo co coidado dos menores e que, polo tanto, precisan dos medios informáticos en horario escolar ou non dispoñen de tempo para acompañalos nas actividades de aprendizaxe; e situacións económicas complexas derivadas de ERTE´s, despedimentos ou peches de negocios familiares, principalmente.
Como consecuencia desta situación, o profesorado informa nas súas respostas á enquisa que en máis da metade das súas aulas participa menos da metade do alumnado. "Se facemos unha analoxía da situación da teleformación cun centro escolar ordinario, a metade das aulas terían importantes ausencias e na outra metade a inmensa maioría dos pupitres estarían baleiros", explícase desde CIG-Ensino. Fronte a este dato, só un preocupante 10% das aulas rexistra unha participación maior do 90% dos escolares.
NECESIDADES EDUCATIVAS DE APOIO ESPECÍFICO, AS MÁIS DESCONECTADAS
No caso dos menores que teñen diversidade funcional ou que precisan dun apoio específico compróbase como sofren con maior presión a falta de recursos e de interacción co seu profesorado habitual e cos especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Case un 35% do total das respostas indica unha menor participación deste alumnado e o 31% apunta aos insuficientes recursos e materiais adaptados. Só un reducido 20% dos docentes afirma que a participación no ensino telemático é similar.
Existe outro dato preocupante e que incide nunha maior carga de traballo e de estrés entre o profesorado encargado do alumnado con Necesidades Educativas de Apoio Específico: o 85% afirma que non recibiu ningunha indicación específica para abordar a diversidade empregando a formación a distancia.
PROFESORADO ESTRESADO
Dous terzos do profesorado que cumprimentou a enquisa afirma que a nova situación creada coa suspensión da docencia presencial e o confinamento lle supuxo un incremento moi importante de traballo. Tendo en conta o sistema educativo presencial e socializador no que estamos, o 70% do persoal docente de primaria afirma que non contaba con formación ou experiencia previa na teledocencia e case a metade do persoal docente de ESO e niveis superiores declarou que se tivo que enfrontar a esta nova situación practicamente de cero, sen apenas respaldo da administración, co apoio dos compañeiros do centro e tendo que usar recursos propios.
RECLAMACIÓNS ANTE A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN
O sindicato lembra que "desde a CIG-Ensino xa alertamos ao comezo do confinamento que a comunidade educativa non estaba suficientemente preparada para a formación online e que esta non pode substituír de ningún xeito a presencial, sobre todo nalgunhas etapas e ensinanzas, o que debería ser tido en conta polas administracións á hora de tomar decisións sobre avaliacións, impartición de currículo novo, titulación ou promoción de curso".
Engade que, precisamente este silencio da Consellería de Educación é un dos aspectos destacados entre as queixas dos docentes na enquisa. Case a totalidade do profesorado (95%) considera como insuficiente a actuación da administración educativa e tan só un 5% a considera axeitada. O 90% reclama a necesidade dunhas instrucións claras que permitiran afrontar o segundo trimestre e a súa avaliación, así como o desenvolvemento deste ata finais de curso. No caso da inspección educativa, o seu papel é irrelevante para o profesorado xa que só representa o 3% da información e orientación achegadas.
TERCEIRO TRIMESTRE E PRÓXIMO CURSO
En liñas xerais, existe unanimidade á hora de establecer uns criterios de avaliación para o terceiro trimestre adaptados á nova situación. Un 93% dos profesores que contestou á enquisa así o manifesta.
Dependendo da etapa educativa, hai disparidade de pareceres acerca de como afrontar este final de curso: o 69% dos mestres que traballa en infantil e primaria considera como mellor opción dar o curso por rematado, desde o punto de vista académico, no remate da 2ª avaliación. Pola contra, a opción dunha avaliación final condicionada e non discriminatoria é maioritaria nas demais etapas educativas: 59% na ESO, 63% no Bacharelato, 65% na FP e 58% no resto de ensinanzas (escolas de idiomas e outros centros de ensinanzas de réxime especial, como conservatorios ou escolas de arte).
Case un 79% considera que o mellor criterio é unha promoción de curso no que as excepcións teña que fixalas o equipo docente, en función da evolución do seu alumnado ao longo do curso, sen contar este período de teleformación. Outras opcións como o aprobado xeral (4%) ou a promoción automática sen que o equipo docente poida fixar excepcións (14%) son claramente minoritarias entre os enquisados.