O acceso á Peralba abrirá o xoves ante os avances na obra da nova ponte

Pontevedra
06 de setembro 2022

Tras dous meses pechado, o acceso principal ao núcleo da Peralba, en Marcón, volverá a abrir. Será de xeito puntual, para facilitar a entrada e saída ás súas 25 vivendas. Isto será posible polo avance das obras de construción da nova ponte sobre o río Reigosa

Obras da nova ponte no acceso á Peralba
Obras da nova ponte no acceso á Peralba /

Tras dous meses pechado, o acceso principal ao núcleo da Peralba, en Marcón, volverá a abrir. Será de xeito puntual, para facilitar a entrada e saída ás súas 25 vivendas. Isto será posible polo avance das obras de construción da nova ponte sobre o río Reigosa.

Esta actuación sobre o afluente do Almofrei, na que o Concello inviste preto de 565.000 euros, foi visitada este martes polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo edil coordinador do rural, Alberto Oubiña.

O proxecto consiste nunha actuación duns dous quilómetros nos que se está a pavimentar toda a vía fresando e saneando os tramos nos que se ten detectado "pel de crocodilo", unha serie de fisuras interconectadas na superficie do pavimento.

Ademais, incorpórase a recollida de pluviais, medidas de calmado de tráfico en toda a vía e bandas de protección de dobre onda.

O traballo de maior envergadura é a rehabilitación da ponte, unha demanda da veciñanza dende hai anos e que supuxo retirar a vella ponte e instalar unha nova, desviando previamente a canle de auga e cortando o tráfico na estrada dende o mes de xullo.

Para continuar coa reforma, o acceso permanecerá pechado de luns a venres en horario de 9:30 a 13:30 horas e de 15:30 a 19;00 horas.

Este horario permitirá o paso do bus escolar así como aos veciños poder saír para traballar e regresar as súas vivendas por esta estrada.