O acondicionamento da antiga vía do tren sobre o Lérez é "inminente"

Pontevedra
07 de novembro 2022

Un dos proxectos incluídos na estratexia Pontevedra Flúe, que busca renaturalizar os espazos urbanos da cidade, comezará a executarse de maneira "inminente", segundo o goberno municipal. En concreto, salvo cambio de última hora, este mesmo xoves

Vías do tren no túnel de Lérez PontevedraViva

Un dos proxectos incluídos na estratexia Pontevedra Flúe, que busca renaturalizar os espazos urbanos da cidade, comezará a executarse de maneira "inminente", segundo o goberno municipal. En concreto, salvo cambio de última hora, este mesmo xoves.

É o día previsto para o inicio das obras de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, no ámbito da praia fluvial.

Converterase nun camiño de tránsito peonil e ciclista que, nun futuro, estará integrada na vía verde proxectada entre Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.

Nesta actuación, o Concello inviste algo máis de 185.000 euros, financiados ao 80% polos fondos europeos FEDER. O diñeiro restante sae directamente das arcas municipais.

A empresa Elsamex comezará este xoves para rozar todo o ámbito de actuación para iniciar a obra, que consistirá nun tratamento de formigón sobre a ponte, reemprazando a pedra que ten actualmente; e na substitución da varanda ou a iluminación.

Ademais, está previsto crear unha senda que una a ponte directamente coa praia fluvial, que levará un pavimento máis brando, muros de cachotería e pedra para salvar o desnivel e unha escaleira de madeira desde os actuais baños da praia.

A actuación incluirá o tapiado provisional da boca do túnel pola que pasaba o tren e a preparación de toda esta estrutura para que, en próximas fases, se poida cruzar ata a senda do roteiro de sendeirismo da outra marxe do río e cara ao mosteiro de Lérez.