O Albariño de Cambados, máis preto de ser Festa de Interese Turístico Internacional

O Salnés
04 de agosto 2018

A LXVI Festa do Albariño que se celebra desde o mércores en Cambados está a reeditar este ano 2018 o mesmo éxito de público que en anos anteriores e a pesar da vaga de calor que se está a vivir en toda España, que non dá tregua nas Rías Baixas, está a deixar a diario imaxes de masiva afluencia

Festa do Albariño de Cambados 2018
Festa do Albariño de Cambados 2018 / Diego Torrado

A LXVI Festa do Albariño que se celebra desde o mércores en Cambados está a reeditar este ano 2018 o mesmo éxito de público que en anos anteriores e a pesar da vaga de calor que se está a vivir en toda España, que non dá tregua nas Rías Baixas, está a deixar a diario imaxes de masiva afluencia

As imaxes que deixa a festa non son diferentes ás de anos anteriores, pero este 2018 pode ser diferente nun aspecto, pode ser o último antes de que o evento sexa declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Xa é Festa de Interese Turístico Nacional desde 1990.

A Xunta de Galicia deu a coñecer este sábado que vén de enviar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente favorable para que teña esa declaración, culminando así o proceso que o goberno galego vén apoiando nos últimos anos para que esta celebración acade o máximo recoñecemento.

Co envío do informe favorable, o procedemento alcanza xa a súa etapa final e será agora o Goberno central o encargado de proceder á declaración, convertendo así a Festa do Albariño de Cambados na primeira festa enogastronómica galega en ser recoñecida de Interese Turístico Internacional.

A Festa do Albariño é unha das celebracións vitivinícolas máis antigas de Galicia e a segunda de España, que conseguiu afianzarse nos últimos anos como gran expoñente do enorme potencial enogastronómico da Comunidade galega.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiron este sábado ao acto de irmandamento do Capítulo Serenísimo do Albariño celebrado no Pazo de Fefiñáns.

Unha vez que o Goberno central ratifique o informe favorable enviado pola Xunta de Galicia, a Festa do Albariño de Cambados dará un paso máis no seu recoñecemento e unirase ás nove festas de Interese Turístico Internacional coas que conta Galicia actualmente. Sumarase á festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.