O Albergue de Peregrinos estrea as instalacións que o converten no local de máis capacidade do Camiño Portugués

Pontevedra
28 de agosto 2020

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, inagurou este venres as novas instalacións do albergue de peregrinos de Pontevedra que incrementa a súa capacidade un 27%. Ao acto asistía tamén o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores

Inauguración da ampliación do Albergue de Peregrinos PontevedraViva

As instalacións do Albergue de Peregrinos de Pontevedra estreaban este venres unhas novas dependencias rehabilitando un edificio que se atopa situado dentro do recinto situado na Rúa Otero Pedrayo. Ao acto asistía Román Rodríguez, conselleiro de Cultura en funcións e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, ademais do presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores.

A ampliación permitirá que o albergue Virxe Peregrina pase de 72 a 92 prazas, un incremento dun 27% de prazas, converténdose na de máis capacidade dentro do Camiño Portugués, que conta con dez aloxamentos públicos. Chamarase 'Camelias' e a súa decoración céntrase nesta planta de procedencia oriental.

O conselleiro destacaba que esta actuación financiada pola Xunta de Galicia dá resposta ás necesidades da asociación Amigos do Camiño Portugués, entidade que rexenta desde fai vinte anos este establecemento e que neste difícil 2020, desde o 1 de xullo, contabiliza 800 pernoitas

Román Rodríguez agradeceu a toda a xente que traballa por un Camiño seguro durante este verán. " Non é doado, pero estamos a conseguilo", afirmou o responsable autonómico de Cultura asegurando que se está facendo un importante esforzo para garantir unha peregrinación segura. Sinalou que se detecta unha progresiva reactivación do Camiño, de forma que en xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos que visitaron Galicia. Destacaba tamén a nova plataforma online que permite a reserva de praza nos albergues para dar máis garantías aos visitantes. Seis de cada dez peregrinos utilizan esta ferramenta.

Rodríguez manifestou que antes de final de ano presentarase a reprogramación de actividades do Xacobeo 21, que virá marcada pola situación sanitaria actual. "Non podemos caer na melancolía", apuntou o conselleiro en funcións afirmando que Galicia está a dar un exemplo en canto á convivencia cunha situación difícil. 

En canto ao turismo, lembrou que Galicia situouse en xullo 22 puntos por enriba da media española de ocupación hostaleira e agradeceu o esforzo que o sector hostaleiro está a realizar para ofrecer a imaxe da comunidade como un destino seguro. Recoñeceu, en todo caso, que onde se está detectando un maior problema de ocupación é nos hoteis urbanos.

Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa banda, mostraba a súa satisfacción pola ampliación do Albergue e destacou que este establecemento sexa "referencia" do Camiño Portugués do mesmo xeito que a cidade. Lembrou que cada vez hai unha maior aposta por empresarios privados para crear albergues privados no municipio. Engadiu que en 2019 chegouse aos 100.000 peregrinos que pernoitaron entre dous e tres días na cidade, unha cifra que este ano se verá reducida a ao redor de 15.000 visitantes debido á situación sanitaria que provocou unha importante ausencia do turismo internacional.