O alcalde de Poio rexeita o corte de tráfico na ponte da Barca imposto "unilateralmente" por Pontevedra

Poio
30 de outubro 2013

O alcalde foi tallante: "Nós defendemos que a ponte da Barca sexa de dobre sentido" e asegurou que tan pronto como rematen as obras que acomete a empresa Acuaes, o concello de Poio restablecerá a circulación na ponte

Ponte da Barca
Ponte da Barca / Mónica Patxot

No pleno celebrado este martes o grupo municipal do Partido Popular no concello de Poio interpelou ao alcalde Luciano Sobral (BNG) para saber cal é o posicionamento oficial do goberno de Poio sobre o peche parcial da avenida e a ponte da Barca.

O alcalde foi tallante: "Nós defendemos que a ponte da Barca sexa de dobre sentido" e asegurou que tan pronto como rematen as obras que acomete a empresa Acuaes, o concello de Poio restablecerá a circulación na ponte.

"Si, estamos en desacordo con que se corte o tráfico na ponte, pero non podemos obrigar a Pontevedra a que nos mande os coches para eiquí", insistiu.

A resposta do rexedor puxo fin a unha longa sesión plenaria. O contido e o ton da súa exposición foron do agrado dos representantes do Partido Popular e dos colectivos veciñais que asistiron ao Pleno e, para abundar no asunto, o alcalde abriu unha quenda de intervencións para que os veciños presentes no salón expuxesen tamén o seu malestar polo modo en que se actuou no corte de tráfico da ponte e avenida da Barca.

Estes voceiros coincidiron co rexedor na unilateralidad dunha decisión que valoraron como prexudicial para os seus intereses e trasladaron o seu temor porque esta medida temporal se consolide tras as obras.

Luciano Sobral expuxo que o Concello de Poio só aceptaría deixar a ponte da Barca cun único sentido de circulación si se cumprisen tres condicións: construír o vial do Vao que conecte o tráfico co acceso norte de Poio, a reordenación do nó de bombeiros e o traslado da peaxe da AP-9 ata Campañó ou a Curro para converter á autoestrada nunha circunvalación.

Sobral recordou que o Plan Move, impulsado pola Xunta considera prioritario o vial do Vao e recordou que este deseño se remonta á época de Xosé Cuíña á fronte da entón Consellería de Política Territorial.