O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, iniciou este martes unha xeira de rolda de encontros cos diferentes axentes sociais e institucionais da cidade.
Ao longo da xornada, o rexedor recibiu á vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón e ao director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres Vázquez, nunha primeira reunión; a continuación aos membros da Xunta Directiva do Foro Empresa Pontevedra; a representantes e socios da Asociación pola Defensa da Ría (APDR); e, por último, á Federación de Veciños Castelao.
En cada reunión estivo presente un edil, sendo na primeira Demetrio Gómez; na segunda, Eva Vilaverde; na terceira, Carme da Silva; e, na cuarta, María José Abilleira.
Fernández Lores manifestou que estas primeiras tomas de contacto van da man da idea de abrir unha nova etapa tras a súa reelección e teñen como obxectivo "recoller e ter en conta as opinións dos diferentes axentes sociais" da cidade, "abrindo unha nova vía de comunicación e de participación que terá continuidade no día a día", informou o Concello.
A vicerreitora informou que está previsto que proximamente o rexedor e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, manteñan tamén unha xuntanza que permita seguir afondando nas liñas de traballo conxunto entre as dúas institucións.
Está previsto que nos vindeiras semanas o alcalde da cidade continúe con este tipo de conversas cos diversos interlocutores da cidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.