Estudantes do sexto curso de Primaria do CEIP de Cabanas, na parroquia pontevedresa de Salcedo, recibían este martes os carnés que os acreditan como Ciberexpertos. O alumnado recibía ao longo do mes de febreiro dez temáticas impartidas por delegados de Participación Cidadá da Policía Nacional sobre este proxecto para evitar perigos na rede, unha iniciativa que se inclúe no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas.
Durante dez días en bloques de sesións de traballo, estes estudantes foron adquirindo pautas de conduta para manexarse na Internet e, sobre todo, nas redes sociais. Desta forma se lles explicaba por parte do persoal da Policía Nacional en que consiste o ciberacoso, a suplantación de identidade, cales son as comunidades perigosas, a xestión da privacidade e como actuar ante estes e outros casos.
En total participaron 26 estudantes, que tiveron que superar un test final para recibir o carné de mans da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba e da comisaria xefa provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.
Ademais o colexio de Cabanas quedou acreditado para o seu acceso á web de Ciberexpert@, onde poden dispoñer de material para que o alumnado aprenda a ser responsable na Internet e detecte os riscos.
Os centros interesados neste proxecto poden solicitar a súa participación a través do correo [email protected], e tamén na web da Policía Nacional e nas Delegacións de Participación Cidadá.