Os alumnos do Toural de Vilaboa gravan unha curta sobre o acoso escolar con Touriñán e David Amor

Pontevedra
27 de xuño 2019

A actividade forma parte do Plan Director da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra dirixida a acabar co bullying nas aulas da provincia

Curta sobre o acoso escolar gravada en Vilaboa
Curta sobre o acoso escolar gravada en Vilaboa /

Os alumnos do CPI Toural de Vilaboa acaban de gravar unha curtametraxe cos actores Xosé Touriñán, David Amor, Cristina  Maró e Pablo Puyol co obxectivo de concienciar á sociedade sobre un dos problemas máis graves dos colexios que afecta a toda a sociedade: o bullying ou acoso escolar.

A actividade está enmarcada no Plan Director impulsado pola Comandancia da Garda Civil de Pontevedra cuxo obxectivo é dar a coñecer, combater e erradicar esta secuela das aulas.

A peza estase a gravar no propio centro educativo e en localizacións próximas e motivou a implicación de toda a comunidade educativa. Non só os alumnos son protagonistas da historia, os profesores tamén teñen un papel importante. A gravación, edición e produción deste importante contido audiovisual corre a cargo da produtora La Sombra Studios e Besando al Sapo, con Fabian Figueroa como director.

A gravación desta película supón un complemento ideal ás charlas que os axentes da Garda Civil realizan de forma constante nos centros educativos da provincia de Pontevedra  y que están a servir para concienciar máis a adolescentes, profesores e pais para combater e evitar este problema cada vez máis común.

Ademais da Garda Civil e a comunidade educativa, participaron no proxecto o  Concello de Vilaboa, a Deputación de Pontevedra, a empresa  WOFCO e a Asociación Somos Pontecaldelas.