O alumnado do colexio Carballal botouse á rúa para coñecer as institucións de Marín

Marín
28 de xaneiro 2019

A rapazada de 2º curso de primaria do centro escolar CEIP Carballal botouse á rúa para coñecer as institucións do municipio: Escola Naval, Correos, Policía Local, Policía Nacional, CIM (Centro de Información da Muller), Asociación de comerciantes Estrela de Marín, Xulgados, Biblioteca, Museo Manuel Torres e o Concello

Alumnos do CEIP Carballal de visita na Policía Nacional CEIP Carballal

A rapazada de 2º curso de primaria do centro escolar CEIP Carballal botouse á rúa para coñecer as institucións do municipio: Escola Naval, Correos, Policía Local, Policía Nacional, CIM (Centro de Información da Muller), Asociación de comerciantes Estrela de Marín, Xulgados, Biblioteca, Museo Manuel Torres e o Concello. 

Esta actividade xurde a raíz do proxecto interdisciplinar integrado anual que parte da biblioteca "De Marín: todo un chisquín".

A cada nivel educativo asignoúselle un aspecto de Marín. No caso do alumnado deste curso traballaron as institucións. As mestras, xunto con compoñentes da Asociación de nais e pais de alumnos deste centro, pensaron que a mellor forma de entendelas era a través do xogo, dunha forma máis práctica e dinámica, poñendo en práctica a metodoloxía do traballo cooperativo. Por iso idearon unha gincana cultural polas rúas deste municipio.

Previamente houbo un traballo nas aulas, tratando aspectos como o plano da cidade, situación das institucións neste plano, as rúas, o que sabían, o que querían saber; aspectos que serviron de motivación, xa que estaban moi ilusionados de poder desenvolver esta actividade.

Unha vez que estivo todo programado e organizado, saíron á rúa para recopilar información e coñecer mellor as institucións. Para isto foi primordial a axuda dos pais e nais voluntarios que actuaron como acompañantes dos equipos, facéndose cargo cada adulto dun grupo de catro alumnos.

De regreso ao colexio os alumnos decatáronse de que tiñan pouca información de cada institución, así que reorganizáronse en equipos de expertos de tal xeito que cada equipo, neste intre, está a profundizar nunha institución baseándose na información acadada entre todos, o día da saída. 

O obxectivo final desta actividade será compartir/expoñer o aprendido con toda a comunidade educativa. 

Dende o claustro de profesorado salientaron a excelente atención e disposición amosada polos membros das diferentes institucións á hora de recibir ao alumnado, aspecto que agredeceron públicamente.