O alumnado do colexio de Xeve presenta á conselleira os seus deseños para decorar a nova rotonda

Pontevedra
20 de abril 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitaron este mércores o colexio de Santo André de Xeve, coincidindo coa publicación da licitación por importe de 2 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224,  que transformarán a mobilidade nesta parroquia  

Presentación das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224 Mónica Patxot

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitaron este mércores o colexio de Santo André de Xeve, coincidindo coa publicación da licitación por importe de 2 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224,  que transformarán a mobilidade nesta parroquia.

Tamén estiveron presentes no acto a delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard e a directora do CEIP de Santo André de Xeve, Carmen Gil, xunto a Ángela, Imanol e Ainara, tres alumnos deste centro que informaron á conselleira dos deseños que fixo o alumnado para decorar a nova rotonda, unha proposta que sorprendeu a Ethel Vázquez que recoñeceu que "nos decoradores non somos".

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 18 de maio para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.

Segundo adiantou a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a finais do verán, cun prazo de execución de 18 meses. Explicou que xa se está a avanzar no proceso expropiatorio das 46 fincas afectadas: en marzo convocáronse as actas previas e no mes de xuño están previstas as actas de ocupación.

A reforma proxectada inclúe un conxunto de actuacións integrais, "ambiciosas e transformadoras " para favorecer unha "contorna escolar segura " que suman un investimento global de máis de 2,2 millóns de euros, ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sostible.

Ethel Vázquez insistiu en que as intervencións son "froito do diálogo" mantido coa dirección do centro educativo, coa implicación dos propios alumnos do centro, e enmárcanse na colaboración que a Xunta mantén desde hai anos con STOP Accidentes a prol da seguridade nas vías autonómicas.

A actuación pretenden enlazar dun xeito máis seguro e sostible os núcleos do Couso e Sobral, ao tempo que se favorece a conexión do polígono empresarial e do colexio. Así, dotarase a PO-223 dunha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non  deportivos, de 1,9 km de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros. Tamén se levarán a cabo melloras puntuais do trazado, para encaixar a senda pola marxe dereita da vía e actuarase nas principais interseccións, con disposición de semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración que faciliten as incorporacións.

Ademáis, nesa contorna melloraranse as paradas de autobús en ambas as marxes e executarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas.

Estas intervencións na PO-223 completaranse coas que previstas na PO-224, na intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta e onde se sitúa o CEIP. 

Precisamente na intersección onde se produce o cruzamento de ambas as vías, executarase unha glorieta de 30 metros de diámetro que reforzará a seguridade viaria e contribuirá ao calmado de tráfico, ao producir un efecto de diminución de velocidade.

Tamén se habilitará unha senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral. Serán 400 metros de itinerario desde a vía de acceso a Sobral ata a saída do novo aparcadoiro do centro educativo.

Reordenaranse e ampliaranse as zonas de aparcadoiro: habilitarase un carril central de sentido único e 27 novas prazas de aparcadoiro en batería a ambos os lados, nunha parcela propiedade da Comunidade de Montes en Mancomún de Santa María de Xeve. Tamén se ampliará a zona de aparcadoiro de autobuses, incorporando 18 prazas para mestres e empregados do CEIP. Deste xeito, tal e como dixo a conselleira, ademais de conseguir unha notable mellora na zona de manobras tamén se dotarán 4 prazas para o estacionamento de autobuses.

Ethel Vázquez apuntou, tamén, unha intervención moi importante para a seguridade dos cativos: a execución dun carril exprés na fronte do colexio, un ‘Bico e vaite’ que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro. Tamén se reubicarán e mellorarán as paradas de autobús, reporase a capa de rodadura no treito de actuación e reforzarase a sinalización.

No marco destas actuacións instalaranse seis marquesiñas para facilitarlle aos usuarios do transporte a espera, cinco delas novas e unha que se renova.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción por esta "boa nova" e a presidenta da asociación STOP Accidentes Galicia, Jeanne Picard; sinalou a "sensibilidad mostrada por la Xunta en este caso", xa que "es una zona que requería de una intervención urgente en este sentido".

 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora