O antigo mercado municipal de Moraña será reconvertido nun centro sociocultural

Umia
14 de xullo 2018

O inmoble vaise restaurar de xeito integral respectando e mantendo a súa emblemática fachada cara a carballeira e tamén vaise ampliar para gañar unha maior superficie que poida atender toda a demanda veciñal. O investimento previsto é de 889.000 euros

Proxecto de rehabilitación do antigo mercado municipal de Moraña Concello de Moraña

Un moderno centro sociocultural multiusos. É o uso que lle dará o Concello de Moraña ao antigo mercado municipal da vila tras a súa rehabilitación. O investimento previsto é de 889.000 euros, dos que a Deputación achegará 711.000 euros a través do plan de reequilibrio provincial, aprobado hai uns meses.

A intención do executivo local pasa por acadar máis espazos para actividades, especialmente musicais, da terceira idade, veciñais, sociais, formativas e culturais, ante o dinamismo que aprecian no municipio nestes últimos anos.

O inmoble vaise restaurar de xeito integral respectando e mantendo a súa emblemática fachada cara a carballeira e tamén vaise ampliar para gañar unha maior superficie que poida atender toda a demanda veciñal.

Deste xeito, dotarase ao antigo mercado municipal dun amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control ou cafetería, entre outros.

Esta actuación saíu a concurso, que tivo aberta a presentación de ofertas durante gran parte do mes de xuño, en dous lotes, un correspondente ás obras de rehabilitación e que contaba cun orzamento de licitación total de 657.000 euros e outro para os servizos de climatización, electricidade e iluminación para o que se dispoñía dunha contía máxima de 232.000 euros.

Na actualidade, o Concello xa está baremando as máis de dez ofertas recibidas e agarda proceder á adxudicación de ambas actuacións ao longo do presente mes de xullo para comezar os traballos xusto despois do verán.

Esta obra, que configúrase como o investimento máis importante e elevado do presente exercicio, contempla un prazo de execución de doce meses para as tarefas de rehabilitación e de catro meses para a dotación de servizos, polo que estará rematado no vindeiro ano 2019. 

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, destacou a importancia da obra "para poder recuperar un edificio histórico da nosa vila; poñer en valor o noso patrimonio, motivo polo cal vaise manter a fachada; atender e dotar dos mellores espazos aos nosos veciños; e contar cunhas instalacións de primeiro nivel para as moitas actividades que organizamos desde o Concello".

"Este inmoble vainos dar unha capacidade e unha oferta de servizos igual á de moitas grandes vilas e moi próxima á das cidades galegas, polo que se trata dun investimento histórico", subliñou a rexedora.