O aparcamento gratuíto limitado a dúas horas entra en vigor o 3 de maio en Marín

Marín
27 de abril 2021

As obras de sinalización comezaron este luns e a restrición afectará a tramos de seis rúas do centro da vila en horario laboral

Aparcadoiro da zona do Porto
Aparcadoiro da zona do Porto / Concello de Marín

O Concello de Marín informa de que este luns comezaron as obras de sinalización das rúas que están incluídas na ZONA 2 H, que son o conxunto de vías nas que as prazas de aparcamento terán un horario limitado a dúas horas.

A restrición aplicarase só de luns a venres, de 8.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, así como os sábados de 8.00 a 14.00 horas. Entrará en funcionamento o 3 de maio.

Recalcan desde o goberno local que a ZONA 2 H é gratuíta. O Concello simplemente levará un control do tempo de estacionamento para garantir a rotación e así poder facilitar atopar un sitio libre para facer recados e realizar compras na economía local.

As rúas afectadas son a Avenida de Ourense, en tres tramos; Exército e Mariña, Ponte, Concepción Arenal, en dous tramos; Jaime Janer e Ezequiel Massoni

A Policía Local será a encargada de realizar un control, utilizando o sistema da MCam, que fai unha lectura das matrículas cando un coche patrulla pasa por unha destas rúas, xeolocalizándoas e marcando a hora na que aparecen estacionadas para controlar así se ese mesmo vehículo segue no mesmo cerco pasadas dúas horas.

Esta ZONA 2 H é un dos piares do Proxecto MARES (Marín Estacionamento público gratuíto), que se sostén noutros dous: os aparcamentos públicos disuasorios e a futura construción dun aparcamento subterráneo. O obxectivo é trazar unha estratexia integral que permita ter un Marín máis ordenado, utilizando cada área de estacionamento de maneira racional, explican desde o Concello.

Na web do proxecto pode consultarse máis información, descargar o aparcamento minuto, que localiza todos os aparcamentos disuasorios cos tempos a pé que os separan dos principais puntos da cidade, descargar o plano xeral do centro urbano coa listaxe de rúas da ZONA 2 H e descargar un folleto informativo con todos os datos.