O aparcamento público de Veteris non terá que someterse a tramitación ambiental

Pontevedra
22 de novembro 2014

A Consellería de Medio Ambiente decide non someter a proposta do Concello de Pontevedra a Avaliación Ambiental Estratéxica

Aparcamento Veteris, na rúa Antón Fraguas
Aparcamento Veteris, na rúa Antón Fraguas

Vía libre da Consellería de Medio Ambiente ao documento de inicio do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) do aparcamento soterrado Véteris, construído na Unidade de Actuación 35 de Pontevedra.

O departamento autonómico fixo pública este venres a decisión de non someter o documento remitido polo Concello a Avaliación Ambiental Estratéxica, ao considerar que non hai efectos ambientais sustantivos.

Queda así cumprimentado o primeiro trámite derivado da sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de maio que anulaba o Plan Especial por non terse sometido a este trámite ambiental. Un feito derivado dun cambio lexislativo durante a propia tramitación do Plan.

O Plan Especial abrangue unha superficie do ámbito é de 2.148 metros cadrados e ordena a rúa de Antón Fraguas permitindo que o acceso do aparcadoiro público se comparta co dos aparcadoiros privados que serven aos edificios lindantes. Conta con tres plantas de soto. O número total de prazas é de 657 (incluídas as 222 de uso privado), das que 244 están no subsolo do viario público.

Con esta decisión, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, deu instrucións para retomar os trámites do Plan Especial para volver proceder á súa aprobación.

Unha vez que o trámite urbanístico estea completado, o Concello xa estará en disposición de convocar o concurso para adxudicación do aparcamento, conforme as condicións pactadas no seu día coa actual concesionaria.