A sala de exposicións do Auditorio de Vilagarcía, que goza de acceso independente ao edificio principal, será utilizado dende este venres pola Consellería de Sanidade para instalar nela un centro de realización de test de antíxenos de uso profesional.
O servizo funcionará todos os días, incluídos domingos, salvo o día de Nadal e Aninovo.
Así se decidiu este xoves, tralas conversas do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. O servizo formará parte, por tanto, da rede que está estendendo a Xunta por toda Galicia para incrementar a capacidade diagnóstica. O sistema será de autodiagnóstico, con asistencia de persoal da Xunta. Aqueles que dean positivo, serán sometidos despois a unha proba PCR.
A idea é que calquera cidadán de Vilagarcía ou da comarca poida realizarse unha proba diagnóstica sen que sexa necesario pedir cita nin que previamente teña síntomas compatibles con covid ou ben sexa contacto estreito dun contaxiado.
O centro poderá funcionar cun amplo horario, de mañá e tarde -aínda está por determinar- tendo en conta que o auditorio está aberto dende as 8 da mañá ás 10 da noite. A sala de exposicións xa fóra utilizada anteriormente polo Sergas para facilitar a expedicións dos certificados covid, tamén tralo acordo de colaboración co concello.
A sala está nestes momentos ocupada pola mostra Saudarte, que promove a Fundación Galega do Narcotráfico con traballos feitos polo alumnado dos centros de ESO e bacharelato da cidade. Pero non fará falla descolgar a mostra: as pezas seguirán no seu sitio e a exposición volverá a estar operativa despois de que o espazo deixe de ser utilizado por fins sanitarios. O alcalde quere, por iso, agradecer especialmente a comprensión e colaboración dende o primeiro momento por parte da Fundación.