Os puntos de realización de test de antíxenos de balde habilitados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para aumentar a detección de casos de covid-19 terán a partir da vindeira semana un reforzo con outros tres lugares con este servizo en Caldas de Reis, Marín e Sanxenxo.
Segundo a información facilitada pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, estarán ubicados na Sala Nauta de Sanxenxo, no edificio de A Tafona de Caldas de Reis e no vestíbulo principal da Casa do Concello de Marín a partir do luns 10 de xaneiro.
Ademais, manterán a súa actividade cotiá sen cambios organizativos nen horarios, sempre con autocita, dous dos tres puntos actuais, os situados no Pazo da Cultura de Pontevedra e o auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa.
Paralelamente, a partir do luns 10 de xaneiro, deixará de prestar servizo o punto de test de antíxenos emprazado ata o de agora na estación de ferrocarril de Pontevedra.
O horario xeral de actividade para todos os puntos de test de antíxenos da área sanitaria será de luns a domingo, en quendas de mañá e de tarde, entre as 8.30 e as 13.40 horas e entre as 15.30 e as 20:40 horas.
Por outra banda, o punto de cribado emprazado no aparcamento externo do Hospital Provincial deixará de efectuar test poboacionais de antíxenos e asumirá dende mañá, xoves 6 de xaneiro de 2022, aquelas PCRs de contactos que se pidan dende a Central de Seguimento de Contactos ou polo médico de Atención Primaria.