O baixo caudal do Lérez obriga a recorrer ao Pontillón do Castro para subministrar auga á comarca

Pontevedra
09 de outubro 2017

Desde o sábado, Pontevedra compatibiliza o río Lérez e o Pontillón do Castro para a subministración de auga. O portavoz do gobierno local, Raimundo González, indicou que non é alarmante pero van controlar a situación por se é necesario adoptar medidas de urxencia

Presa de Pontillón do Castro
Presa de Pontillón do Castro / Contando Estrelas - Flickr

A ausencia de choivas comeza a ter efectos no municipio de Pontevedra e a súa contorna. Desde o sábado, o goberno local decidiu sumar a auga do encoro do Pontillón do Castro á do río Lérez para garantir a subministración nos fogares pontevedreses. Así o afirmou este luns o portavoz do goberno local, Raimundo González, sinalando que a porcentaxe de auga que se está a empregar é dun 60% do río Lérez e 40% procedente do Pontillón.

A baixada do caudal do Lérez foi determinante para adoptar esta decisión. Nos últimos días da semana pasada detectábase a baixada dos dous metros cúbicos por segundo, insuficiente para que a presión garanta o bo funcionamento das bombas de captación da estación hidráulica de Monte Porreiro.

Raimundo González asegurou que a baixada foi substancial dunha semana a outra pasando de 2,73 metros cúbicos por segundo a 1,99. Se se sitúa por baixo do 1%, as bombas deixarían de funcionar.

O concelleiro aclarou que aínda non se está nunha situación alarmante porque só co Pontillón do Castro, a subministración de auga para a poboación estaría garantido durante mes e medio. E nesta ocasión, a auga procede tanto do Pontillón como do Lérez polo que o período sería máis amplo.

En todo caso, manterase a alerta por parte do goberno local para adoptar medidas no caso de que siga sen chover, tal e como sinalan as previsións meteorolóxicas. Neste caso, apuntou alertaríase a Ence para que rebaixe o seu consumo, que supera os 32.825 metros cúbicos ao día e tamén se suprimiría a rega de xardíns, ademais doutros usos non fundamentais. Reclámase aos cidadáns que realicen un uso racional da auga.

A baixada non está relacionada co consumo doutros concellos, que se segue mantendo en ao redor de 32.800 metros cúbicos ao día nos concellos de Poio, Marín, Sanxenxo e Ponte Caldelas. Ence, pola súa banda, mantivo durante a semana pasada un consumo diario de 32.825 metros cúbicos ao día, segundo o portavoz municipal.

O Pontillón do Castro atópase cunha capacidade do 94% e non se utilizaba desde o mes de marzo, segundo indicou o concelleiro, que indicaba que o encoro é unha reserva hídrica para estes casos.

A preocupación segue situándose sobre a ausencia de choivas. "Estamos case na fase de sacar os santos para que chova, o que se facía nas sociedades agrícolas hai anos", chanceaba González.