O Banco de Alimentos aínda precisa 100 persoas voluntarias para a Gran Recollida Solidaria

Pontevedra
20 de novembro 2018

A ONG precisa mans que colaboren nesta iniciativa para acadar o número de 500 voluntarios que participen os vindeiros 30 de novembro e 1 de decembro nesta cita solidaria

David Amor apadriña a Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos
David Amor apadriña a Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos / Mónica Patxot

O Banco de Alimentos continúa tentando captar a persoas voluntarias que queiran colaborar na Gran Recollida de Alimentos prevista para para os próximos 30 de novembro e 1 de decembro. A organización sinala que se precisan ao redor de 100 voluntarios para botar unha man nas comarcas de Pontevedra e O Salnés. 

O obxectivo é alcanzar a cifra de 500 persoas voluntarias, que garantirían un bo desenvolvemento desa xornada. Para apuntarse hai que cubrir o formulario que se atopa no web da ONG ou chamar ao teléfono 986 865 301. 

Nesta edición, o humorista e presentador David Amor é o padriño do Banco de Alimentos durante esa xornada solidaria na que se quere superar a cifra de 325.000 quilos de comida na provincia, que se lograba na campaña de 2017.

As achegas no almacén do Banco de Alimentos de Pontevedra repártense entre 32 entidades homologadas e, desta forma, chega ao redor de 5.000 persoas con dificultades.