Ao redor de cincuenta persoas participaron na inauguración, no mediodía deste martes 18 de novembro, do local do Banco de Alimentos situado na rúa Faustino Santalices, nunha das rúas próximas á Avenida de Lugo.
A sede conta con 400 metros cadrados cunha zona de almacenamento e de servizo cun espazo de entrada para que se carguen as furgonetas para as reparticións. No almacén da parte interior encóntranse os estantes nun espazo para gardar os alimentos que se recollan por parte das persoas que doen alimentos.
Segundo explicou o vicepresidente da Fundación Provincial do Banco de Alimentos e responsable da sede de Pontevedra, Alfonso García Limeses, encóntranse nun proceso para acoller persoas voluntarias que colaboren na recollida e distribución dos alimentos. García Limeses indicou que se necesitarán entre 10 ou 15 persoas todos os días. Por este motivo, o responsable do Banco de Alimentos pontevedrés sinalou que os interesados en participar poden achegarse pola sede a partir de principios de decembro para apuntarse neste labor humanitario.
Neste momento, o produto máis demandado é o leite e tamén o aceite. O banco de alimentos recolle todo tipo de alimentos non perecedoiros.
Este proxecto intentouse que se puxese en marcha ata en tres ocasións interiores, apuntou García Limeses. Nesta ocasión, a axuda do banco provincial con sede en Vigo, que leva dende o 95 funcionando, foi fundamental para poder desenvolver esta iniciativa.
O Banco de Alimentos ten prevista unha gran recollida o 28 e o 29 de novembro coa intención de obter 200.000 quilos de comida en toda España durante esas dúas xornadas. Segundo explicou o presidente provincial, Pedro Pereira, nestes momentos encóntranse "francamente mal. Os estantes están baleiros".
Á inauguración asistiron o concelleiro socialista Agustín Fernández, o voceiro do PP, Jacobo Moreira, o presidente de Banco de Alimentos de Galicia, José Pita, ademais de representantes de empresas colaboradas como os supermercados Froiz.