O Bloque demanda no Parlamento a mellora integral da estrada entre Pontevedra e O Grove

Pontevedra
19 de setembro 2017

Solicita que a actuación sexa consensuada cos concellos e asociacións e que se dote unha partida no orzamento do 2018 co obxecto de iniciar as obras o vindeiro ano

Dous peóns pola PO-308
Dous peóns pola PO-308 / Mónica Patxot

O deputado nacionalista, Luís Bará, rexistrou este martes unha iniciativa parlamentaria para a aprobación dun proxecto de mellora da seguridade viaria, da accesibilidade e da mobilidade peonil e ciclista na PO-308 entre Pontevedra e O Grove.

Solicita que a actuación sexa consensuada cos concellos e asociacións e que se dote unha partida no orzamento do 2018 co obxecto de iniciar as obras o vindeiro ano.

Nesta fin de semana producíronse dous atropelos de ciclistas na PO-308, estrada que comunica Pontevedra co Grove. Nos sinistros, que tiveron lugar en Poio e Portonovo, os ciclistas resultaron feridos de diversa consideración. No historial desta estrada contabílízanse máis de 10 mortes na última década.

A Xunta de Galicia está a tramitar algunha actuación parcial, pero o BNG reclamará que desenvolva unha actuación integral ao longo do próximo ano.